InicioOpinión​Vigo, 1809: Xesta heroica ou tren perdido da modernidade?

​Vigo, 1809: Xesta heroica ou tren perdido da modernidade?

Lois Pérez Leira, activista e investigador

PUBLICADO O

- Advertisement -

​A celebración da Reconquista de Vigo non é só unha efeméride local tinguida de pólvora e cheiro a choripán no Casco Vello; é o epicentro dun debate histórico irresoluto sobre a nosa propia identidade e o desenvolvemento de Galicia. A medida que nos afastamos daquel marzo de 1809, consólidanse dúas posicións antagónicas: a que reivindica a epopea popular dun pobo alzado en armas e a daqueles que, con mirada pragmática, sosteñen que a ocupación francesa podería ter suposto un acelerador económico, social e cultural fronte ao atraso secular da rexión.

​Porén, esta última análise peca dun idealismo perigoso. A invasión napoleónica non pode entenderse como unha misión civilizadora desinteresada, senón como un acto de imperialismo que, pola súa propia natureza, anula a soberanía de calquera pobo. Aceptar que o sistema francés era unha achega necesaria ao desenvolvemento español é tan falaz como validar hoxe as intervencións do imperialismo ianqui en países subdesenvolvidos baixo o pretexto da “democratización”. Un pobo nunca pode aceptar a modernización a través da colonización, por moito que o invasor traia promesas de luces e progreso.

​O duelo político e a vangarda liberal

​É fundamental entender que a sublevación de Vigo escribiu unha páxina inédita na que todas as clases sociais se posicionaron contra o invasor, pero non baixo un estandarte monolítico. Entre os patriotas vigueses non só latía o fervor monárquico ou conservador. Naquel momento, en todo o Estado español, producíase un duelo político de altura entre os seguidores da vella orde e unha vangarda liberal cunha incidencia determinante.

​Estes últimos, influídos polas luces da Revolución Francesa pero firmemente opostos ao seu brazo executor, Napoleón, foron os verdadeiros impulsores da primeira constitución liberal de España. Non só Francia representaba a Ilustración; en España nacía unha tendencia liberal autóctona que décadas despois alimentaría as raíces do republicanismo e a Primeira República. O progreso non era unha exclusiva francesa, senón unha aspiración española que buscaba o seu propio leito sen a tutelaxe dunha baioneta estranxeira.

​A paradoxo de Marx e a soberanía popular

​Porén, ambas as dúas posicións adoitan ignorar o punto cego que sinalaron con lucidez Marx e Engels ao analizar a Guerra da Independencia. Para eles, a paradoxo española radicaba en que, mentres o Estado borbónico se desmoronaba na ignominia, a sociedade civil española —o pobo chan— demostraba unha vitalidade revolucionaria sen precedentes. Marx observou que a resistencia non era só unha reacción visceral de fe e patria, senón un proceso de creación de novas institucións políticas ante o baleiro de poder.

​O erro dos que hoxe estrañan o “progreso” francés é non entender que Napoleón non buscaba o desenvolvemento de Vigo, senón converter a España nun satélite extractivo para a súa maquinaria de guerra. A verdadeira traxedia non foi a expulsión dos franceses, senón que, tras o heroísmo popular, as elites reaccionarias secuestrasen aquela enerxía transformadora para restaurar o absolutismo.

​A Reconquista de Vigo non foi un rexeitamento á modernidade, foi o grito dun pobo que reclamaba o dereito a ser o arquitecto da súa propia historia.
​Lembrándonos que a liberdade nunca se recibe como un agasallo do invasor, senón que se conquista desde a soberanía propia, xa sexa empuñando un fusil na muralla ou celebrando a nosa identidade hoxe cun choripán na man.

ÚLTIMAS

A Policía investiga o achado dun cadáver en estado de descomposición nunha casa okupada de Vigo

A Policía Nacional investiga o achado do cadáver dun home en estado de descomposición,...

O PP propón un bono mensual de 20 euros para o bus de Vigo ante a subida do billete ordinario

O grupo municipal do PP de Vigo propuxo a implantación dun bono mensual de...

A Doblada: da desidia toponímica á desmemoria histórica

​Hai uns días, a Xunta de Galicia modificou decenas de toponímicos nas catro provincias,...

A Policía Nacional evita en Vigo que un home se lance ao baleiro desde unha terraza

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela evitaron que un home se lanzase...