A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) denunciou a situación de “inseguridade” no CRAPD I de Vigo tras presentar un escrito formal ante a Consellería de Política Social, no que esixe actuacións inmediatas para protexer as traballadoras ao considerar que existe un risco “grave e inminente” para a súa saúde e a súa seguridade. Segundo o sindicato, a resposta da Administración autonómica non foi “proporcional” á gravidade do problema.
Nun comunicado, CSIF sostén que non se trata de feitos illados, senón dun “patrón estrutural de conflitos que se arrastra desde hai anos”. O documento sindical describe “un clima de medo, ansiedade e inseguridade laboral” provocado por episodios continuados de ameazas e intimidacións, especialmente durante a quenda nocturna, e atribúe esta situación ao comportamento dun novo usuario do centro con alteracións de conduta.
Segundo denuncia a central sindical, esta realidade supón non só un risco psicosocial moi grave, senón tamén un perigo real de agresión física, agravado polo feito de que o residente permanece esperto durante a noite con comportamentos intimidatorios reiterados. CSIF lamenta que a única resposta da dirección fose ordenar que o traballo nocturno se realice en parella, unha medida que considera “claramente insuficiente” porque obriga a deixar outras zonas sen atención e incrementa tanto o risco laboral como o asistencial.
Para o sindicato, o problema é ademais estrutural. Asegura que o CRAPD I, concibido inicialmente como residencia para persoas maiores, pasou a atender perfís cada vez máis complexos sen o reforzo necesario de persoal, formación nin medidas de seguridade. Esa advertencia encaixa coas denuncias que CSIF vén realizando desde 2025 sobre agresións, tensión e falta de medios nestes centros.
Nesta liña, o sindicato lembra que a Inspección de Traballo xa obrigou á Xunta en xaneiro de 2026 a realizar unha avaliación dos riscos psicosociais no CRAPD Vigo I, tras a denuncia presentada polo comité de empresa, co obxectivo de identificar os riscos para o persoal e adoptar medidas para eliminalos, reducilos ou minimizalos.
Ante esta situación, CSIF solicitou formalmente á Consellería a adopción urxente de medidas de protección, a avaliación inmediata do risco e da violencia externa, o reforzo de persoal ou presenza de seguridade na quenda de noite, o traslado do usuario a un recurso adecuado ao seu perfil e información urxente ao comité de seguridade e saúde.
