O presidente do Porto de Vigo, Carlos Botana, afirmou este mércores que as instalacións portuarias operan “con total normalidade” tras sufrir un ciberataque que foi neutralizado e que tiña como obxectivo final obter un rescate económico. Segundo detallou o responsable do organismo, a intrusión detectouse ás 05:45 horas do martes, momento no que “saltaron as alarmas e os avisos” do sistema de seguridade.
Ante esta situación, os equipos informáticos procederon a illar o porto do exterior para frear o ataque e minimizar o seu impacto. Nunha primeira fase avaliouse a afección real e, posteriormente, un experto forense revisou a situación para buscar indicios que puidesen levar á identificación do causante desta acción criminal. Botana subliñou que non se restablecerá a conexión total “ata que haxa unhas garantías 100% de que non poida haber un novo intento de intrusión“.
IDENTIFICADO O PUNTO DE ENTRADA DO ATAQUE
“O máis importante”, segundo destacou o presidente do Porto, é que a actividade non se está a ver prexudicada. Os sistemas de explotación non foron alcanzados pola intrusión e o porto funciona de “forma máis manual“, mantendo o movemento de mercadorías e buques con total regularidade. Botana insistiu en que a prioridade é garantir a protección dunha “instalación estratéxica” e que o sistema permanecerá illado de xeito preventivo mentres continúan os labores de verificación.
A continuación, o presidente do organismo sinalou que os técnicos xa “identificaron por onde entrou o ataque“, confirmando que a intención dos ciberdelincuentes era de tipo económico a través dun rescate. Carlos Botana espera que a normalidade técnica se restableza “no menor tempo posible”, pero sempre supeditada á seguridade total do porto: “Ata que haxa todas as garantías de que non haxa ningunha posibilidade de que tenten volver atacar a instalación, non nos conectaremos”, resolveu.
