O Xulgado de Instrución número 3 de Vigo decretou o arquivo provisional dunha querela por inxurias e calumnias interposta polo presidente da comunidade de Montes en Man Común Santa Mariña de Cabral, Luís Rodríguez Pérez, contra a Plataforma Galega de Afectados por Comunidades de Montes. Todo iso, segundo recolle o auto xudicial datado o 10 de marzo de 2026, por mor da publicación dun vídeo nunha canle de YouTube no que a Plataforma usou fragmentos dunha gravación na que aparece o querelado.
Durante a mesma, realizaron unha serie de manifestacións que o presidente da comunidade de montes de Cabral considerou lesivas por “inveraces, falsas e ser emitidas de forma malintencionada con ánimo de difamar”. Con todo, o xuíz conclúe que as expresións analizadas carecen de relevancia penal e non constitúen delito nin de calumnias nin de inxurias, sinalando que non existe unha imputación concreta de feitos delituosos contra o querelante. Así mesmo, o xulgado tamén lembra que a Audiencia Provincial de Pontevedra xa acordara previamente o arquivo da causa respecto dun dos investigados.
