O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que “xa se están dando os primeiros pasos” para volver reformar a bancada de Tribuna de Balaídos co obxectivo de ampliar a capacidade do estadio ata 43.000 espectadores e reforzar así a candidatura da cidade para ser sede do Mundial de fútbol de 2030.
Nun audio remitido aos medios de comunicación, o rexedor insistiu en que Vigo debe formar parte das cidades que acollan partidos do torneo, aínda que non detallou en que consisten os traballos ou xestións que xa estaría a realizar o Concello para acometer unha nova intervención na bancada.
A reforma afectaría á zona de Tribuna, renovada hai apenas uns anos, que debería ampliarse novamente para alcanzar a capacidade que Vigo incluíu na proposta remitida á Federación Española de Fútbol. Caballero tamén volveu cargar contra o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, ao que acusou de ofrecer datos incorrectos sobre o estadio vigués. “Mente descaradamente cando di que Balaídos terá 30.000 asentos cando rematen as obras”, afirmou o alcalde. Segundo insistiu, o obxectivo do Concello é que Balaídos alcance os 43.000 espectadores, cifra que permitiría cumprir cos requisitos para acoller partidos do Mundial 2030.
O PP PIDE ACLARACIÓNS Á CORUÑA
A cuestión das sedes do Mundial tamén foi abordada este martes pola presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, quen pediu ao goberno municipal da Coruña que aclare o futuro da súa candidatura tras as últimas informacións que apuntan a posibles dificultades. Sánchez advertiu de que “non tería sentido que España quedase con menos sedes” cando existen cidades interesadas en acoller partidos do torneo. “Hai outras cidades interesadas en acoller o Mundial, como é o caso de Vigo”, subliñou.
