InicioMedio Ambiente e PatrimonioPraia de A Calzoa, en Vigo: crónica dunha morte anunciada

Praia de A Calzoa, en Vigo: crónica dunha morte anunciada

A duna da A Calzoa colapsa tras anos de advertencias científicas ignoradas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A duna da Praia da A Calzoa, un dos sistemas dunares máis relevantes do municipio de Vigo xunto cos de Praia de Rodas (no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia) e Praia do Vao (Espazo Natural de Interese Local), continúa sen medidas de protección un mes despois do derrubamento rexistrado o pasado 4 de febreiro.

Segundo denuncia a asociación ambiental ZOA, a día de hoxe non se adoptou ningunha medida protectora efectiva. Tras o colapso e a destrución do peche, o noiro dunar permanece aberto e accesible, permitindo o tránsito continuado de persoas e animais. Esta situación está a agravar a erosión e a danar un paleosolo de interese xeolóxico que quedou exposto tras a perda de area e vexetación.

Inmediatamente despois do derrubamento, a asociación solicitou a protección perimetral urxente da duna ou, de forma transitoria, a restrición de acceso ao areal ata a implantación de medidas que garantisen a súa integridade. Porén, non se levou a cabo actuación ningunha. A fronte dunar continúa aberta, e con ela, o deterioro do sistema. A entidade lembra que o proceso de degradación viña sendo advertido dende 2018. En febreiro de 2025 xa se rexistraran ante as administracións local e autonómica solicitudes urxentes para a retirada e substitución do peche existente, alertando expresamente do risco certo de colapso.

“Advertiuse e explicouse con detalle que o peche de arame en malla estaba a impedir o achegue de materia orgánica esencial para o desenvolvemento da vexetación e a retención de area. Isto provocaba a desaparición da duna primaria e o desequilibrio do sistema no seu conxunto, con risco grave de colapso. Non recibimos contestación e mesmo a malla foi reforzada onde estaba deteriorada, facéndoa aínda máis tupida”, sinalan. Segundo a documentación trasladada ás administracións, o debilitamento estrutural da duna primaria e a perda da súa capacidade de resiliencia explican que non resistise o último temporal, a diferenza doutros sistemas dunares do municipio que si contaban con peches axeitados e mantiveron a súa integridade.

A asociación subliña que A Calzoa constitúe un enclave litoral de alto valor ecolóxico e que a súa duna está catalogada como hábitat de interese comunitario. Malia isto, denuncia que a administración local non está a garantir a súa protección efectiva, nin sequera no actual contexto de especial vulnerabilidade. Ante a persistencia da inacción, ZOA solicitou ao Servizo do Litoral da Xunta de Galicia e ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico unha intervención urxente que fre e o deterioro e garanta que a xestión e recuperación do ecosistema se realicen conforme a criterios científicos e á normativa ambiental vixente.

ÚLTIMAS

O goberno de Vigo pedirá en pleno que a Xunta garanta o abastecemento de auga de Vigo

O goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero (PSOE), levará ao pleno do próximo...

Trasladadas dúas persoas que resultaron afectadas nun incendio dun piso en Vigo

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital tras verse afectadas por inhalación de...

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...