O goberno municipal de Vigo quedouse só este luns no Pleno no seu recoñecemento ao Goberno de Pedro Sánchez por “atender á petición do alcalde” para que a cidade teña conexión á liña de moi alta tensión. O grupo socialista foi o único que votou a favor dunha moción propia nesa liña, fronte a unha oposición que lamentou o “servilismo” e o xesto “patético” dos concelleiros do PSOE.
O debate suscitouse por mor dunha iniciativa para facer un recoñecemento expreso ao presidente do Goberno central por garantir unha infraestrutura que permitirá asegurar a actividade industrial de Stellantis. O portavoz socialista, Carlos López Font, defendeu que Abel Caballero leva reclamando esta conexión desde o ano 2013 fronte á negativa do executivo de Rajoy. “A historia de Vigo escríbese desde a chegada de Abel Caballero”, proclamou López Font, quen engadiu que sen o rexedor habería “silencio e submisión” mentres a Xunta carecía de iniciativa política.
“CUTRE EXERCICIO DE LAMEBOTAS”
A proposta foi respondida con dureza pola oposición. O grupo municipal do PP censurou o “intento de reescribir a historia” e lembrou que a conexión estaba planificada cando gobernaban os populares e desapareceu coa chegada de Sánchez á Moncloa. A portavoz popular, Luisa Sánchez, sinalou que a alta tensión chega con “seis anos de atraso” e acusou ao goberno local de buscar “autobombo” e “nutrir o seu narcisismo” con doses de servilismo.
Pola súa banda, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cualificou a moción de “falta de respecto ao Pleno” e de “cutre exercicio de lamebotas”. O edil nacionalista ironizou recomendando ao alcalde que, se quere fortalecer a súa relación co presidente, “mándelle bombóns ou flores” en lugar de promover este “telegrama de amor”. Segundo o BNG, o PSOE confunde á cidade co propio partido nun exercicio para “salvar ao soldado Sánchez”.
EMENDAS REXEITADAS
Durante a sesión, o PSOE rexeitou as emendas de ambos os grupos. O PP propuxo estender o recoñecemento á patronal e a outras institucións para reivindicar un “éxito compartido”, mentres que o BNG pediu substituír a loa por unha reclamación de 30 millóns de euros á Xunta e ao Estado para un plan de reactivación industrial ante o retroceso do naval e a automoción.
Carlos López Font pechou o debate afirmando que hoxe é un día para a celebración dos que o conseguiron e acusou a populares e nacionalistas de traballar para que Vigo quedase sen esa conexión eléctrica.
