InicioPolíticaCaballero acusa á Xunta de “afundir” parte do campo de fútbol da...

Caballero acusa á Xunta de “afundir” parte do campo de fútbol da ETEA e dálle cinco días para reparalo

O alcalde de Vigo asegura que as obras da futura residencia de maiores provocaron danos que deixan a instalación “inutilizada”, mentres a Xunta atribúe o desprendemento aos temporais das últimas semanas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores que a Xunta “afundiu” parte do campo de fútbol municipal da ETEA tras realizar movementos de terras na zona onde se prevé construír a residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega. Segundo advertiu, a instalación deportiva quedou “inutilizada” e tivo que ser pechada por risco para os usuarios. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor explicou que as obras neste ámbito provocaron danos tanto no campo de fútbol como no de rugby. Por iso, anunciou que o Concello deu un prazo de cinco días á Xunta para solucionar a situación: “Se en cinco días non o resolven, farémolo nós e pasarémoslles a factura”, advertiu.

REXEITAMENTO Á RESIDENCIA DE MAIORES NA ETEA

Caballero reiterou ademais a súa oposición á construción dunha residencia nesta localización, ao considerar que estes equipamentos deben situarse en “zonas urbanas poboadas” e non “nunha esquina da cidade”. “Non só fan unha obra equivocada, senón que nos danan seriamente un campo de fútbol e un campo de rugby. Todo mal, todo mal”, proclamou o alcalde, quen asegurou estar a recibir queixas de usuarios que xa non poden utilizar as instalacións deportivas. O rexedor chegou a afirmar que colocará un cartel informativo para explicar o sucedido: “Vou ter que poñer alí un cartel grande: ‘Afundido por culpa da Xunta de Galicia’”, sinalou, insistindo en que a cidadanía debe saber quen é o responsable dos danos.

A VERSIÓN DA XUNTA: DESPRENDEMENTO POLOS TEMPORAIS

Pola súa banda, fontes da Xunta matizaron que o incidente se produciu nunha ladeira próxima ao campo de fútbol, onde “se rexistrou recentemente un movemento de terras debido aos temporais que se veñen sucedendo estas semanas”. Segundo indicaron, actuouse de inmediato coa limpeza da zona afectada e xa se realizaron traballos de formigonado. Ademais, este xoves comezarán as tarefas de recheo, cunha previsión de rematar a intervención nun prazo aproximado dunha semana. O episodio abre así un novo capítulo no enfrontamento institucional entre Concello e Xunta arredor do proxecto da residencia de maiores da ETEA e do estado das instalacións deportivas municipais.

ÚLTIMAS

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...

Sumar Galicia impulsa unha proposta de coalición de esquerdas en Vigo de face ás próximas eleccións municipais

Movemento Sumar Galicia remitiu unha carta a Esquerda Unida, Verdes Equo, Anova e Podemos...

O aeroporto de Vigo opera con “normalidade” no cuarto día de folga dos controladores aéreos

Os aeroportos de Vigo e A Coruña funcionan "con normalidade" na xornada deste luns,...