InicioEconomíaConcello e Zona Franca blindan o futuro de Balaídos coa prórroga da...

Concello e Zona Franca blindan o futuro de Balaídos coa prórroga da bancada de Río ata 2080

O alcalde Abel Caballero e David Regades asinan a cesión dos terreos mentres o rexedor urxe á RFEF a confirmar a Vigo como sede do Mundial 2030.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o delegado de Zona Franca, David Regades, formalizaron este venres, cun acto de firma celebrado en Balaídos, a prórroga de 49 anos de cesión dos terreos sobre os que se asenta a bancada de Río do estadio municipal. No acto, no que tamén estiveron a presidenta do R.C. Celta, Marián Mouriño, e a tenente de alcalde, Carmela Silva, asinouse ampliar a cesión (que se iniciou en 1981) ata o ano 2080.

O delegado de Zona Franca, David Regades, destacou que “se cumpre o obxectivo que teñen o Celta e o Concello para este Estadio, que é a ampliación e o aumento do seu aforamento co investimento previsto”. “Para iso necesitaban unha garantía de futuro e iso é o que significa esta ampliación da concesión da parcela de Río”, incidiu. Mentres, Abel Caballero celebrou que esta firma “supón que o Concello será o dono da superficie da parcela e garante que ata o ano 2081 a bancada de Río formará parte do Estadio”.

O alcalde apuntou que “os proxectos requiren seguridade e esta é unha forma de traballar a longo prazo porque os grandes proxectos deben ter ese tempo para planificalos de forma correcta”. Caballero referiuse de novo á candidatura de Vigo para ser sede do Mundial 2030 e insistiu en que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) “ten que explicar por que non declarou aínda a Vigo sede do Mundial como xa fixo co resto das cidades”.

REFORMA DE BALAÍDOS E MUNDIAL

En declaracións aos medios tras a firma do convenio, o alcalde sinalou que a obra da reforma da bancada de Gol “vai mesmo adiantada con respecto ás previsións”, e a principios de 2027 estará terminada e lista para ser ocupada polos espectadores. No caso do proxecto de Tribuna, volveu a criticar que nin Xunta nin Deputación queren cofinanciar os traballos de reforma que empezan co desprazamento do colector (para mover a bancada uns 25 metros e gañar aforamento), cun custo de 3,1 millóns de euros.

O custo de volver reformar a bancada enteira de Tribuna será duns 60 millóns (practicamente o mesmo custo da reforma de todo o Estadio), aínda que en marzo do ano pasado o rexedor estimaba ese custo en 41 millóns. Caballero matizou que “todo aquilo que sexa reutilizable vaise a reutilizar, porque é novo”, en alusión á recente reforma desa bancada, realizada entre 2016 e 2017 cun custo de 5,2 millóns de euros (sen IVE).

O alcalde sinalou que o Concello está disposto a asumir a obra en solitario. “Pero avergoñaremos e demandaremos politicamente á Xunta e á Deputación por non pagar (…), a Xunta só pensa en Vigo para levar o diñeiro a outros sitios; e a Deputación recibe de Vigo 85 millóns e isto ten que cambiar, non pode ser que veñan dando 5 millóns”, matizou, e engadiu: “Que non soñen con vir a Vigo, porque a xente lles vai a dicir o que pensan”.

O PP DENUNCIA O “CINISMO” E O “SECTARISMO” DE CABALLERO

O PP de Vigo afeou ao alcalde, Abel Caballero, o seu “cinismo” por realizar unha firma pública, este venres no estadio de Balaídos, coa Zona Franca (un convenio para prorrogar a cesión dos terreos da bancada de Río), tras dicir que este tipo de actos eran algo “vello” e “case ilegal“. En declaracións remitidas aos medios, a presidenta do PP vigués e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, lembrou que o organismo provincial instou durante meses ao goberno de Caballero a asinar publicamente o convenio polo que a Deputación inviste 5 millóns na reforma da piscina de Teis. A finais do pasado 2025 o rexedor olívico rexeitou participar nun acto dese tipo, alegando que se trataría dunha “firma paripé“.

“Entón, que fixo este venres no estadio de Balaídos co delegado da Zona Franca?”, preguntou Luisa Sánchez sobre a “escenificación” pública da firma dese acordo cunha “administración socialista“, “mentres lla nega á Deputación de Pontevedra argumentando nese caso que estas firmas son algo ‘vello’ e ‘case ilegal'”. “O que é evidente é que unha vez máis o señor Caballero quedou retratado como o que é, un alcalde sectario. Quedou claro que o único que en verdade lle preocupa é vetar á Deputación e, en especial, vetarme a min como vicepresidenta (…) Caballero leva 18 anos facendo da confrontación a súa principal forma de facer política: vetando, bloqueando e ninguneando calquera investimento doutra administración que non estea gobernada polo PSOE“, proclamou a líder dos ‘populares’ vigueses.

ÚLTIMAS

O BNG esixe retirar o Plan de Igualdade de Vigo por falta de consenso e un atraso de 14 anos

O grupo municipal do BNG en Vigo pediu a retirada da proposta do V...

Uruguai rescinde o contrato con Cardama por “incumprimentos graves” e anuncia accións xudiciais

O presidente de Uruguai, Yamandú Orsi, anunciou que o seu Goberno rescindiu o contrato...

Collen a un neno de 13 anos conducindo o coche da súa nai en pleno centro de Vigo

Axentes da Policía Local interceptaron o pasado mércores pola tarde a un menor de...

O Heraldo do Desconcerto: A Pinta en Baiona

O horizonte de Baiona, aquel 1 de marzo de 1493, non agardaba milagres. O...