A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a tres anos de cárcere a un home que foi sorprendido durante un control policial mentres se atopaba nun bar da cidade olívica portando máis de 10 gramos de cocaína destinados á venda.
Segundo recolle a sentenza, os feitos producíronse na tarde do 16 de setembro de 2024, cando o acusado estaba no interior dun establecemento hostaleiro de Vigo. Ao local accederon axentes da Policía Nacional para realizar un control preventivo de consumo e menudeo de drogas.
Ao decatarse da presenza policial, o home tratou de ocultar ás súas costas, nun pano, un envoltorio de plástico azul, pero foi sorprendido polos axentes. Tras intervirlle o paquete, comprobaron que contiña algo máis de 10 gramos de cocaína. Ademais, durante o cacheo tamén lle atoparon outro envoltorio cunha pequena cantidade de cannabis.
A Audiencia Provincial considera acreditado que a cocaína tiña como destino a súa venda e non deu credibilidade á versión do acusado, que sostivo no xuízo que adquirira a droga para consumila nunha festa con amigos.
Por estes feitos, o tribunal condenouno por un delito contra a saúde pública á pena de tres anos de prisión, coa aplicación da atenuante de drogadicción, ao constar que o procesado padece un trastorno por consumo de cocaína. Ademais, deberá aboar unha multa de 1.100 euros.
A sentenza non é firme e pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
