A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) trasladou este martes a súa “máxima preocupación” ante a falta de resposta ás alegacións presentadas hai un ano respecto ao trazado da nova autovía A-52 (O Porriño-Vigo). O colectivo insistiu en que o deseño actual pon en risco a actividade do que consideran o “principal eixo industrial do sur de Galicia”. Os empresarios lembraron que as súas obxeccións conteñen advertencias técnicas e económicas de enorme calado e instaron á administración central a informar o máis axiña posible para atender as súas demandas lexítimas.
Como alternativa ao novo trazado, os empresarios volveron a solicitar a gratuidade da autoestrada AP-9 entre Puxeiros e Tui, e mesmo a liberación total de toda a vía. Segundo aseguran, esta medida permitiría reducir a saturación e a sinistralidade na actual A-55, mellorando a mobilidade e aportando un “alivio económico inmediato” ás empresas de Mos, cuxa competitividade se ve condicionada polo sobrecusto da peaxe. Respecto ao proxecto da nova autovía, AEMOS reiterou que o deseño “ignora” as necesidades do sector ao non incorporar accesos directos a ningún dos polos empresariais do municipio, non resolve os colapsos na N-550 e afecta a zonas xa consolidadas.
A entidade quixo aclarar que non se opón á creación de novas vías de comunicación, senón ao trazado concreto exposto actualmente, que compromete directamente a nove empresas que sosteñen 250 empregos, o que suporía un impacto negativo irreparable para a economía local. Denuncian que a nova autovía, cun custo estimado de 400 millóns de euros, bloquearía máis de 80.000 metros cadrados de chan industrial e terciario, impedindo ligazóns directas e comprometendo seriamente o crecemento económico que está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Mos.
Por todo isto, os empresarios de Mos resumen as súas demandas ao Ministerio de Transportes na esixencia dunha resposta inmediata ás súas alegacións, a modificación do trazado para incluír accesos aos polígonos e a protección do chan produtivo existente. Así mesmo, insisten na liberación da peaxe da AP-9 e na adopción de medidas de mobilidade que melloren realmente a situación sen xerar impactos territoriais e económicos irreversibles para o tecido empresarial da zona.
