O consello de administración da Autoridade Portuaria de Vigo resolveu por unanimidade o expediente de extinción por caducidade da concesión administrativa da empresa Estaleiros San Enrique, outorgada en abril de 2022 na zona de Espiñeiro, en Teis, con destino á construción e reparación naval. Nun comunicado, o Porto explicou que este expediente se tramitou de conformidade coa lexislación en materia de portos e conta, “non só con todos os informes internos, senón tamén con Informe favorable da Avogacía do Estado, así como co informe preceptivo do Consello de Estado, no que deixa claro, sen ningún tipo de dúbida, que procede caducar a concesión”.
Tal e como trasladou o presidente portuario, Carlos Botana, aos membros do consello de administración, a Autoridade Portuaria de Vigo seguirá apostando polo diálogo “continuo e transparente” co sector, “así como cos representantes dos traballadores para traballar no mantemento do emprego e que Vigo continúe sendo o gran centro de construción naval e reparación“. Tras a votación desta mañá, o Porto notificará a Estaleiros San Enrique, que ocupa os terreos do antigo Vulcano, a resolución aprobada no consello de administración, que terá o prazo dun mes para presentar recurso de reposición desde a recepción da notificación.
De igual forma, o consello deu luz verde a tres autorizacións de transmisión a favor de Termavi, actual concesionaria da Terminal de Colectores. Trátase dunha nave que ata agora ocupaba a empresa Almacenes Pérez Noroeste, S.L, (Alpenor) na 3ª aliñación do peirao do Arenal, así como unha superficie de 753 metros cadrados, con destino ao depósito e almacenamento de mercadorías contenerizadas e outros 300 m2 que ata agora se utilizaban para actividades complementarias ás realizadas na nave da que era titular. Todo iso intégrase no proceso de reorganización de espazos que a APV está a levarse a cabo nos últimos anos na contorna de Guixar. Unha decisión “moi importante” para o futuro da Terminal de Colectores”, explica o Porto.
Ademais, neste mesmo contexto de aproveitamento dos espazos, o consello deu un paso máis na tramitación da concesión administrativa á firma Access World para ocupar unha superficie de terreo duns 5.000 m2 no Peirao Transversal, con destino ao almacenamento de metais, principalmente aluminio, “garantindo un movemento estimado de 30.000 toneladas durante o primeiro ano, 35.000 o segundo e 40.000 o terceiro”. Superado o trámite legal de competencia de proxectos, prevese outorgar a concesión en próximas reunións.
