InicioVigo e contornaVigoO goberno local de Vigo critica á Xunta polo seu cambio de...

O goberno local de Vigo critica á Xunta polo seu cambio de criterio con Alfageme

A concelleira de Urbanismo, María José Caride, sinalou que o Concello está "extremadamente preocupado" polo "cambio de posición" da Dirección Xeral de Patrimonio

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo trasladou este xoves a súa “sorpresa” polo “cambio de criterio” da Dirección Xeral de Patrimonio sobre o desenvolvemento do ámbito da antiga conserveira Alfageme para “paralizar” a iniciativa municipal e instou á administración autonómica a declaralo BIC, expropialo e rehabilitalo para polo ao servizo dos vigueses.

Así o manifestou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios, nas que sinalou que o Concello está “extremadamente preocupado” polo “cambio de posición” da Dirección Xeral “respecto dos asuntos vinculados co Plan Xeral de Vigo no seu desenvolvemento”.

Nese sentido, a concelleira lembrou que ese departamento autonómico “xa informou o Plan Xeral”, e xa informou os seus ámbitos de desenvolvemento, como é o caso do de Alfageme. “Xa fixou un criterio que establecía que era perfectamente compatible o desenvolvemento de Alfageme, dese ámbito do Plan Xeral, coa execución de vivenda en réxime de protección e de vivenda libre”, apuntou, e engadiu que a Dirección Xeral tamén “estableceu e determinou cales eran os niveis de catalogación que debían ter cada unha das edificacións”.

“Algo que cumpriu escrupulosamente a ficha de plan de Alfageme. Para a nosa sorpresa, e de forma absolutamente inexplicable, agora a Dirección Xeral de Patrimonio desdíse a si mesma, dicindo cousas que non dixo nunca ata agora, que non dixo no informe que emitiu no ano 2023 e que non dixo no informe favorable emitido previo á aprobación definitiva do Plan”, criticou Caride.

A edila socialista advertiu de que “o que parece” é que a Xunta pretende “bloquear” o desenvolvemento dese ámbito, e que continúa “abandonado e deteriorado”, mentres que o Concello pretende “xustamente o contrario”.

A responsable municipal de Urbanismo reivindicou a intención do goberno local de pór en valor ese patrimonio industrial para polo a disposición da cidade, do seu desenvolvemento cultural e da súa vida.

Por contra, denunciou, “o que pretende a Xunta agora é paralizar a cidade e manter a deterioración dos inmobles do seu pasado industrial”.

Ademais, engadiu que esta posición da Dirección Xeral é “contraditoria” con outros informes emitidos no proceso de avaliación ambiental, e lembrou que o Instituto de Estudos do Territorio valorou o proxecto municipal para ese ámbito, pola súa mellora da imaxe urbana de Vigo.

Finalmente, e tras manifestar a súa esperanza de que a Xunta cambie de postura, María José Caride proclamou que a administración galego “teno moi fácil”. Así, remarcou que, se ese ámbito, ou algún outro, como A Artística, é tan “extremadamente importante”, “por iniciativa propia pódeno declarar Ben de Interese Cultural, pódeno expropiar, pódeno rehabilitar e polo ao servizo da cidade de Vigo“. “Canto antes o fagan, mellor”, resolveu a concelleira viguesa.

ÚLTIMAS

O goberno de Vigo pedirá en pleno que a Xunta garanta o abastecemento de auga de Vigo

O goberno de Vigo, liderado por Abel Caballero (PSOE), levará ao pleno do próximo...

Trasladadas dúas persoas que resultaron afectadas nun incendio dun piso en Vigo

Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital tras verse afectadas por inhalación de...

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...