O operativo desenvolvido pola Policía Nacional e polo Servizo de Vixilancia Aduaneira permitiu desarticular unha organización criminal internacional que introduciu 200 quilos de cocaína polo porto de Vigo. A actuación, culminada o pasado 12 de xaneiro, saldouse finalmente con oito persoas detidas de distintas nacionalidades, segundo confirmaron os responsables policiais nunha rolda de prensa.
Do total de arrestados, tres son cidadáns de orixe albanesa, tres galegos, un francés e un cidadán letón, este último considerado o xefe da organización e que se atopaba en busca e captura por delitos relacionados co narcotráfico. A operación foi bautizada como ‘Operación Monterrey’.
Segundo explicou o xefe do GRECO Galicia, Emilio Rodríguez, a investigación prolongouse durante 17 meses e estivo marcada pola súa complexidade. Os investigadores puxeron inicialmente o foco en varios cidadáns galegos, “vellos coñecidos” das forzas de seguridade, a través dos cales se chegou ao resto da rede criminal.
Estes intermediarios galegos contactaron cun grupo albanés, ao que ofreceron a súa capacidade loxística para facilitar a entrada e distribución da droga. As pescudas permitiron identificar un envío marítimo procedente de Ecuador, oculto nun colector mediante o método coñecido como ‘gancho cego’, que transportaba casca de froita con destino a Vigo.
A INTERVENCIÓN E OS REXISTROS
Os membros da organización desprazáronse á cidade olívica, onde se aloxaron en distintos hoteis e nun piso alugado, desde o que recepcionaron a droga. A intervención policial produciuse o 12 de xaneiro, coa detención de tres persoas nun restaurante de Vigo e outras dúas no piso alugado.
No rexistro deste inmoble, os axentes localizaron os 200 quilos de cocaína, distribuídos en paquetes dun quilo aproximadamente, identificados co logo ‘Kia’. Os cinco estranxeiros detidos ingresaron en prisión provisional por orde xudicial. Unha semana despois, foron arrestados tres galegos máis, con vínculos na Coruña, Lugo e a comarca do Salnés.
Entre os detidos atópase o cidadán letón Aleksei Pustovarov, identificado como lugartenente do coñecido narcotraficante Brian Colin Charrington, falecido en xullo do pasado ano. Segundo detallaron os responsables policiais, Pustovarov exercía como xefe da organización, que estaba altamente estruturada e controlaba tanto a produción da droga en orixe como o seu transporte e distribución final, para a que contaban coa colaboración dos investigados galegos.
Aínda que se trataba dunha rede con capacidade operativa internacional, Emilio Rodríguez indicou que este era o primeiro narcotransporte realizado por esta organización concreta.
Ademais da droga, a operación permitiu incautar máis de 20.000 euros en efectivo, así como documentación e varios teléfonos móbiles. O xefe da UDYCO de Vigo, Iago García, confirmou que a investigación segue aberta e que non se descartan novas detencións.
Pola súa banda, o responsable da Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira en Vigo, Xullo Martínez Anta, subliñou que o éxito da operación se debeu á coordinación policial entre GRECO, UDYCO e a Policía Xudicial da SVA. Neste sentido, afirmou que “o porto de Vigo é un porto seguro, totalmente controlado polas autoridades policiais e aduaneiras”.
VALORACIÓN INSTITUCIONAL
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, felicitou aos corpos participantes e destacou a súa capacidade para actuar “en toda a cadea do narcotráfico, desde os grandes alixos ata o último menudeo”. Neste contexto, lembrou que no último ano se desmantelaron en Vigo 25 ‘narcopisos’.
Losada tamén apelou a que os distintos axentes políticos e sociais “deixen traballar á Policía” e subliñou que a loita contra o narcotráfico “non remata coa actuación policial”, senón que implica tamén a outras instancias, co obxectivo de dar unha resposta eficaz ás demandas da cidadanía.
