InicioSociedadeA polémica xornada organizada por Lídia Senra "Mulleres e Saúde" recibe boa...

A polémica xornada organizada por Lídia Senra “Mulleres e Saúde” recibe boa acollida en ‘Café de Catro a Catro’

Este acto ía celebrarse no Museo Marco, ata que foi cancelado.

PUBLICADO O

- Advertisement -

“As mulleres non podemos permitir que se nos vete o acceso a espazos públicos para reunirnos, falar e debater. Tampouco podemos consentir que se intente tutelarnos e dicirnos do que debemos ou non debemos tratar para poder tomar as nosas propias decisións con respecto á saúde. Debemos defender a liberdade de expresión”.

Así o defendeu este sábado pola mañá a eurodeputada Lídia Senra, na apertura da xornada ‘Mulleres e saúde’ que se desenvolveu durante todo o día no Café de Catro a Catro de Vigo, despois de que o Concello decidira censurar este evento no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO), onde inicialmente ía ter lugar, e vetar tamén a posibilidade de celebralo en calquera espazo de titularidade municipal.

A europarlamentaria asegurou non entender a polémica que se levantou na última semana ao respecto desta xornada:“A partir de manipulacións e de mentiras construíuse unha narrativa que nada ten que ver coa xornada e é lamentable que o Concello de Vigo decidira censurar esta xornada nun espazo público. Como deixemos avanzar este tipo de narrativas, como non reaccionemos como sociedade e como demócratas, chegarán novas censuras, e quen sabe se tamén ilegalizacións, e o futuro será moi triste. Estamos ante unha situación moi grave e lamentable”, dixo Senra.

A eurodeputada dixo non ter nada que ocultar, reiterou que esta non é unha xornada antivacinas e animou a facer debate e a non calar nada: “Aquí non se veta a liberdade de expresión de ninguén”, exclamou.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

Tamén agradeceu a todas as persoas que asistiron (ao redor dun cento durante todo o día), a pesar da polémica suscitada, e defendeu a necesidade de abordar a saúde das mulleres desde unha perspectiva de xénero, “algo que non é habitual e sen embargo é fundamental”, subliñou: “A ciencia debe avanzar para mellorar a nosa saúde e benestar e isto só será posible se se realiza a través das fendas que introduce a dúbida”.

A primeira mesa da xornada, titulada ‘O tratamento médico das mulleres’, foi introducida pola concelleira de En Marea en Vigo, Margarida López Barreiro, quen aproveitou para animar “á loita pola liberdade das mulleres para poder expresarnos”.

“Quero expresar o meu malestar e indignación porque estamos sendo vítimas dun abuso de poder do Concello de Vigo e iso non ten nome. Non podemos permitir que volvan acontecer accións deste tipo e que a liberdade de expresión, algo que nos costou tanto conseguir, se nos negue”, dixo.

A edil reclamou a necesidade de ter espazos de debate para as mulleres “fóra das redes do patriarcado e alleos á publicidade interesada”. Tamén chamou a “implementar medidas sanitarias máis humanizadas na atención ás persoas fronte á xeralización da fórmula de aumento por defecto da medicación”, que non xera en absoluto un aumento da autoestima da persoa enferma. “Necesitamos máis feministas nos parlamentos e en todos os lugares onde se toman decisións”, zanxou.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

Tomou de seguido a palabra María Luísa Lores, radióloga e presidenta da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que ten estudada a medicalización e a calidade de vida das mulleres galegas.

Lores comezou amosando a súa sorpresa ante a polémica xerada esta semana pola xornada. “É a primeira vez desde o inicio da miña vida profesional, que vetan unha xornada na que participo”, dixo, para advertir que “a saúde é nosa”.

A experta fixo un repaso pola situación do sistema sanitario nos últimos anos, nos que asistimos ao avance e aparición de novos fármacos, novos equipos de alta tecnoloxía, historia electrónica, maior intercomunicación entre profesionais, mellor coñecemento das patoloxías para facer cirurxía máis centrada, tratamentos menos longos que permiten reducir estancias hospitalarias e cirurxías sen ingresos.

“Temos moita información para saber o que está pasando, o que permite reducir as listas de espera e mellorar a calidade sanitaria, pero as tecnoloxías están pasando de ferramenta a obxectivo. As empresas andan á procura de pacientes para vender os seus produtos. Promóvense as alarmas sociais, os medios advirten da necesidade de diagnoses temperás e a tecnoloxía e os fármacos convértense en obxectos de consumo”, denuncia.

Lídia Senra na Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

Lores denunciou que a corrupción no sistema sanitario está a determinar a saúde das persoas e reclamou a derogación da Lei de Saúde e rematar coa actual práctica na que a asistencia sanitaria se centra nos beneficios económicos e non nas necesidades. “Non é igual público que privado, dicimos claramente non a calquera forma de privatización”, remarcou.

Pola súa banda, Carmiña Mosqueira, médica-epidemióloga, especialista en saúde pública, que traballou na Consellería de Sanidade de Asturias, e ten estudado o cribado de cancro de mama por mamografía, preguntouse se o día de hoxe están xustificados os programas de cribado con mamografía, tendo en conta que as mulleres se someten a unha radiación que se vai acumulando ao longo da vida.

Mosqueira desvelou que de cada tres casos de cancro que se diagnostican nos cribados mamográficos, un é unha sobrediagnose e alertou sobre os falsos positivos e os falsos negativos nas mamografías. “É fundamental fomentar o coñecemento das mulleres, con información científica e independente, para tomar as nosas propias decisións”, defendeu.

Mosqueira tamén interviu na segunda mesa da xornada, centrada na vacina do Virus do Papiloma Humano (VPH), e explicou que, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), o 80% das mulleres teñen contacto co VPH o longo da súa vida; o 90% de elas superan por si mesmas a infección quedando protexidas por inmunidade natural fronte a este virus.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

“A probabilidade de ter cancro de cervix é baixa (12 casos por cada 100.000 mulleres) e ten unha mortalidade baixa. Véndeno como un dos nosos maiores inimigos, pero a realidade, a infección por VPH é unha infección común, que na maior parte das veces se resolve por si mesma, e que se deriva en lesión pre-cancerosa pode revertir. No caso de que se desenvolva un cancro, dispoñemos dunha proba sinxela, barata e eficiente de detección precoz, a citoloxía ou Papanicolau. O cancro de cérvix é o noveno en importancia dos cancros que podemos padecer as mulleres. O Estado español é dos países de Europa cunha incidencia máis baixa, e ademais, xa cando se tomou a decisión de implementar a vacina estaba descendendo a súa incidencia”. Ante esta situación, a doutora Mosqueira pregúntase “por que a vacina é obrigatoria e gratuíta e o preservativo e a educación sexual non?”.

Na mesma mesa, Alicia Capilla, presidenta a Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma Humano, agradeceu a “valentía e coherencia política” de Lídia Senra por seguir adiante coa xornada “a pesar da polémica previa xerada”.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

“Se todos os políticos do noso país tiveran a súa coherencia e determinación, outro galo cantaría”, dixo, lembrando que durante estes últimos dez anos, “houbo políticos que intentaron axudarnos e ao botárselle o lobby farmacéutico enriba recuaron”.

Capilla comezou a súa intervención aclarando que “nós non somos un movemento antivacinas, xa que as nosas fillas vacináronse. É obvio que se foramos antivacinas non o terían feito”.

A valenciana explicou que o que pide a súa asociación é aplicar o principio da precaución e que se estableza a moratoria na aplicación da vacina, como fixo Xapón, para investigar as afeccións producidas en algunhas persoas.

Así, denunciou a situación de desamparo na que se atopan as vítimas. “Téñennos cualificado de histéricas, dixéronnos que non había afectadas pola vacina e agora chámannos antivacinas. Sentímonos discriminadas como mulleres, recibimos un trato vexatorio e reclamamos que as autoridades sanitarias actúen con responsabilidade”, explica.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

Capilla lembrou que a OMS recomenda a vacina cando a incidencia é alta, pero no Estado español a incidencia é baixa. Como asociación reclaman que o Ministerio informe, dos beneficios, pero tamén dos riscos, dos efectos adversos que presenta a vacina, entre eles, dores de cabeza severos, cansazo, vértigos, mareos, visión borrosa, problemas xinecolóxicos, enfermidades do sistema nervioso, problemas dermatolóxicos, sospeitas de morte, fallo ovárico precoz, insuficiencia renal…

No Estado español, a incidencia de notificación dunha reacción á vacina é de 1 por mil, dez veces maior que noutras vacinas administradas en mozas da mesma idade. Segundo o informe correspondente ao último semestre da Axencia Española do Medicamento, do 1 de xaneiro a xullo do 2018 houbo 76 casos de efectos adversos no Estado español e deles, 36 graves, considerándose grave que ocasione a morte, hospitalización, incapacidade ou invalidez significativa ou persistente ou anomalía. “Son moitos casos nun semestre”, considerou Capilla, que reclama que os responsables dean a cara e digan a verdade.

Xa na mesa da tarde, abordouse o tema da violencia obstétrica, da man de Elena Gil, co-coordinadora galega de O Parto é Noso, e Iria Pinheiro, nai e actriz, protagonista de ‘Anatomía dunha serea’ de Chévere Berberecheira.

Gil defendeu que só a muller pode saber o que é o mellor para ela e o seu bebé e defendeu que, con información, as mulleres tomen as súas decisións. “Debemos reclamar o dereito a decidir e a ser informadas”, dixo.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

Así, reclamou “que se apliquen as recomendacións da OMS e se poña fin ás ameazas durante o embarazo, á infantilización e o paternalismo. A violencia obstétrica é violencia de xénero e é un problema estrutural”, defendeu. A OMS recoñeceu no 2014 a existencia da violencia obstétrica e fai unha crítica severa á atención actual ao parto no mundo. A violencia obstétrica está recoñecida en lexislacións de distintos países, pero no Estado español non existe un recoñecemento legal expreso deste concepto.

Na mesma liña, Iria Pinheiro explicou o seu caso concreto durante o embarazo e parto, asegurando que a día de hoxe non se sinte vítima, senón vitoria tras toda a violencia que sufriu. “O meu parto foi como unha violación observada”, describiu, sinalando a necesidade de facer visibles e públicas este tipo de situacións para poder atallalas.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- “A hemeroteca do Faro de Vigo: un patrimonio que debe ser accesible a todos”

A hemeroteca do Faro de Vigo é un tesouro cultural e histórico que contén...

Un vigués entre os 11 detidos por facer grafitis en trens de Cataluña

Unha operación conxunta entre Policía Nacional, Mossos d'Esquadra e Garda Urbana de Barcelona (GUB)...

Tres excarcerados tras o choque de dous vehículos na A-55 en Mos

Tres persoas tiveron que ser excarceradas nun aparatoso accidente entre dous coches ocorrido na...

Condenado a 2 anos de cárcere e perda do carné por 4 anos o condutor novel que embestiu a unha motorista en Coruxo no...

O xulgado do Penal 2 de Vigo condenou á pena de 2 anos de cárcere ao...