O Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) asinou este venres un acordo con sindicatos para levar a cabo un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) que suporá o despedimento de 96 traballadores, ademais dun ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) de 80 días no seu centro do Porriño.
Segundo informou o CTAG nun comunicado, as cifras finais son “inferiores ás previstas ao comezo do proceso”. O acordo incorpora medidas sociais para reducir o impacto, como a dobre voluntariedade e complementos económicos. A pesar de que o centro asegura que este acordo lle permite afrontar o contexto actual con maiores garantías, e que o CTAG “segue sendo un proxecto estratéxico, sólido e con futuro”, fontes do comité de empresa sinalan que o pacto só foi asinado por CC.OO. e o grupo de persoas independentes.
A central CIG, que preside o comité de empresa, non asinou o acordo. O Centro insistiu en que a súa prioridade é reforzar a competitividade, acelerar os proxectos de I+D en marcha e garantir que o centro siga crecendo e xerando alto valor engadido para o sector galego.
