O alcalde de Vigo, Abel Caballero, censurou este luns as “présas” da Xunta para asinar o convenio que permita a urbanización de viarias e a construción dunha residencia de maiores e un aparcadoiro nos terreos da antiga ETEA, e lembrou que a maior parte das parcelas nesas instalacións son propiedade do goberno galego “desde hai 12 anos”, sen que a administración autonómica fixese “nada”. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico criticou que “agora” a Xunta pide que sexa Zona Franca a que “asuma unha parte importantísima do custo da reforma”, en alusión á construción do aparcadoiro.
Esta obra foi acordada na primeira (e única) reunión celebrada entre o alcalde e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en xuño de 2024. Máis dun ano despois, o convenio para levar a cabo as actuacións na ETEA segue sen asinarse e a pasada semana, a conselleira de Infraestruturas, María Martínez Allegue, volvía urxir a Caballero a firma. En resposta, o alcalde criticou que a Xunta “vén con présas” tras “12 anos de atraso”, e remarcou que todas as actuacións neses terreos deberían ser pagadas pola administración galega.
Segundo subliñou, levarán obras no ámbito da educación (para a Universidade) e da atención social (residencia de maiores financiada pola Fundación Amancio Ortega), polo que é “obrigación” da Xunta financiar todas as actuacións, pero “só paga o estritamente imprescindible”. Con respecto ao aparcadoiro, do que se acordou que sería acometido pola Zona Franca, Caballero reafirmou que o organismo estatal levará a cabo os traballos, pero remarcou que “de novo” ten que “resolver o problema da Xunta”. “Arranxámolo todos nós. Só pensan en Vigo para levar diñeiro da cidade”, denunciou o alcalde.
Finalmente, Caballero lembrou que, xa en 2023, propuxo ao goberno galego que, en lugar de investir nas canalizacións dos viarios da ETEA (necesarias para a residencia de maiores e para dar servizo aos outros edificios), traspasase os fondos ao Concello para que se encargase das obras. “E dixeron que non (…) Pero, por que teñen tanta présa? Se dixeron que non. Se xa tiña que estar feito todo e se chegan a enviar os recursos no ano 2023, xa estaría todo arranxado, xa estaría todo feito”, proclamou, tras insistir en que a ETEA “é moi mal sitio” para construír unha residencia de maiores porque “non hai nada” e é un lugar que está “deserto”.
