InicioSociedadeA Constitución Española, a debate: é necesario cambiala?

A Constitución Española, a debate: é necesario cambiala?

Carlos Pereira Menaut, experto da UVigo, aposta por unha España federal.

PUBLICADO O

Cunha froita “que se non a coidas pode podrecer aínda que en si mesma sexa boa” comparaba este luns na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da UVigo o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Carlos Pereira Menaut a Constitución Española de 1978.

Coincidindo coa conmemoración, a pasada semana, do 40 aniversario da súa aprobación, a Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza G3 organizou este luns unha conferencia, enmarcada nas actividades do grao en Dirección e Xestión Pública, na que Pereira Menaut puxo sobre a mesa a necesidade de acometer reformas no texto constitucional, pero ao mesmo tempo recoñeceu a dificultade de que estas modificacións se leven adiante cos actuais “operadores xurídicos constitucionais”.

Profesor ad honorem da USC, Pereira Menaut foi presentado polo profesor da Área de Ciencia Política da Administración Álvaro Xosé López Mira, quen destacou a “amplísima obra bibliográfica” do protagonista desta “actividade de peche do cuadrimestre” no grao en Dirección e Xestión Pública e na que, co propósito de xerar un debate cos asistentes, este experto abordou primeiro a transición e as virtudes e defectos do texto promulgado hai 40 anos, para afondar finalmente na situación na que se atopa actualmente.

Carlos Pereira Menaut/ Duvi

Un texto que defendeu como “a mellor Constitución aprobada en España con moita diferencia” e “que probablemente fose a única que non deixou nin vencedores e vencidos”, xa que “non se fixo contra ninguén”, en comparación, por exemplo, cos textos aprobados por liberais e conservadores no século XIX.

Nese senso, tras criticar a “tendencia ao branco e negro” existente en España e pola que a Constitución pode ser cualificada tanto como “unha marabilla” como como unha “mala constitución”, Pereira Menaut iniciou a súa intervención aludindo á transición política como un proceso que “tivo moitos méritos”, como un proceso “realista” e “relativamente doado” en comparación con outros procesos de paso dunha ditadura a un sistema democrático como o vivido tamén na década de 1970 en Portugal.

A Constitución “non deixou como feridos a grandes grupos sociais”, salientou dun texto do que destacou diferentes méritos, desde “a relación entre o dereito constitucional e o dereito administrativo” á creación das autonomías, “que a min paréceme que foron un gran logro”, cualificando propostas como a realizada por Vox de suprimilas como “ruído”.

“mal reparto de competencias”

Mais, ao mesmo tempo, Pereira Menaut tamén salientou como un defecto do texto constitucional o “mal reparto” de competencias, á que sumou outra serie de eivas como que “escapase” da democracia directa ou que, xunto a lei electoral, “sacase a alfombra vermella á partitocracia”. Así mesmo, o catedrático criticou tamén que no texto de 1978 “non está garantida a separación de poderes”.

“A Constitución é a mellor das que tivemos ata agora, pero o tempo pasa e hai cousas que caducan, outras que se enquistan ou actitudes novas, por exemplo, diante do tema territorial”, engadiu Pereira Menaut, que centrou a parte final do coloquio en abordar a situación na que se atopa o texto 40 anos despois e na que ao seu xuízo precisaría de “unha ou varias reformas”.

Neste punto, o conferenciante puxo o foco tamén nos “operadores xurídico constitucionais”, os deputados e deputadas e os partidos que representan, que, sumados aos “poderes fácticos” e a influencia que poida ter a Unión Europea, serían os que “teñen a chave” desta posible reforma.

Neste punto, Pereira Menaut opinou que “sen agardar ningún milagre”, esa reforma constitucional “facilitaría as cousas” no relativo a un aspecto en concreto que na actualidade “ten un grao enquistamento maior”, o problema territorial.

Manifestación unionista en Cataluña
Un independentista na manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017 / Miguel Núñez

Ao xuízo deste catedrático, “optar por un sistema federal” ben inspirado no modelo estadounidense, ben inspirado no alemán, contribuiría a unha mellora da situación, mais ao mesmo tempo cuestionou tamén se iso sería posible cos actuais operadores xurídicos.

“Sería necesaria pero é moi difícil, porque terían que facela os mesmos que se verían prexudicados pola reforma, terían que cambiar eles ou deixar paso a outra xente”, concluíu.

ÚLTIMAS

Galicia pasa unha noite cun teito de auroas boreais pola influencia dunha intensa tormenta solar

As autoridades estadounidenses advertiran o venres pola tarde sobre a chegada dunha gran tormenta...

Retiran dúas toneladas de lixo dos fondos mariños de Bouzas

Un total de 44 persoas, entre mergulladores e persoal de apoio, participaron nunha nova iniciativa...

Xulgan aos oito integrantes dunha banda que roubaba coches de alta gama para vendelos por pezas

A Audiencia Provincial de Pontevedra celebrará o vindeiro martes, día 14, na súa sede...

Investigan por homicidio imprudente ao condutor implicado nun accidente no que faleceu un motorista en Gondomar

A Garda Civil investiga como presunto autor dun delito de homicidio imprudente ao condutor implicado no accidente ocorrido o...