InicioMovementos SociaisA xerencia da área sanitaria viguesa asegura que a dimisión dos xefes...

A xerencia da área sanitaria viguesa asegura que a dimisión dos xefes de servizo non afecta á atención médica

PUBLICADO O

- Advertisement -

A dimisión dos xefes de servizo de Atención Primaria nos centros de saúde de Vigo aumenta a tensión no conflito entre o SERGAS e os PAC (Puntos de Atención de Continuada), en folga pola mellora das condicións de traballo e de atención aos pacientes.

Sen embargo, para o xerente da área sanitaria de Vigo, Félix Rubial, estas dimisións “non afectarán para nada ao nivel de atención médica”. Os sindicatos teñen una visión diferente do acontecido.

Pola súa banda, a Federación de Sanidade de CC.OO de Galicia vén de solidarizarse cos xefes de servizo e unidade de atención primaria da área sanitaria de Vigo, que, “nun exercicio de dignidade e ética perante a progresiva deterioración asistencial“, presentaron a súa dimisión.

CCOO-Sanidade vén denunciando a “progresiva destrución” da atención primaria desde a chegada de Feijóo á Xunta, no ano 2009. O sindicato é particularmente crítico coa paralización e non aplicación do Plan de mellora da atención primaria, que fora consensuado entre os profesionais, organizacións sindicais e o anterior goberno da Xunta. O obxectivo era ampliar e mellorar a rede de atención con persoal e máis tempo de dedicación, garantindo como mínimo dez minutos para cada doente.

A creación das xerencias de xestión integrada (EOXI) “supuxo a supresión das xerencias de atención primaria, integrándoas nas de atención hospitalaria, coa consecuente descapitalización e perda de autonomía na xestión e planificación dos seus recursos“, critica CCOO.

“Os orzamentos para a atención primaria diminúen desde o ano 2009. Recortouse o persoal coa escusa da crise e non houbo reposición posterior. Isto provoca que o persoal da atención primaria estea sobrecargado”, denuncian.

CCOO fala da asencia de médicos de familia e pediatras, malia que son moitos os profesionais que concursan ás «escasas» prazas que convoca a Administración, e esixe a «inmediata apertura» dunha mesa de negociación na que se trate a recuperación das xerencias de atención primaria, así como un aumento da dotación económica para facer posible o incremento de persoal, na liña do plan consensuado no 2008.

Tamén solicita a renovación estrutural dos centros de saúde, «moitos deles obsoletos». Se a Administración non atende as peticións, o sindicato non descarta mobilizacións.

CIG-Saúde tamén apoia a dimisión presentada polos Xefes/as de Servizo e Unidade de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo. Aseguran que estas dimisións reflicten “a insostible situación na que se atopa a Atención Primaria da área sanitaria de Vigo na que as médicas e os médicos de familia xa non poden dar máis de si”.

“Chegou a hora de que a Administración asuma as súas responsabilidades de xeito inmediato. O Presidente da Xunta e o Conselleiro de Sanidade teñen que asumir a súa responsabilidade e o fracaso das súas políticas sanitarias que nos trouxeron a esta situación e teñen que facer una aposta decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais”, reflexionan.

ÚLTIMAS

Unha empresa inmobiliaria de Baiona sofre a ira do desahucio de Maricarmen en Madrid

Unha empresa inmobiliaria de recente creación con sede en Baiona viuse obrigada a emitir...

Arredor de 200 persoas reciben en Vigo o buque “Kate Tenacity” da Flotilla da Liberdade rumbo a Gaza

Arredor de 200 persoas recibiron este mércores en Vigo o buque "Kate Tenacity" da...

Balaídos terá unha ‘Tribuna Iago Aspas’: Caballero anuncia que levará o nome do xogador e terá unha estatua ao seu carón

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio...

Vox leva ao xulgado os incidentes nunha mesa informativa en Cangas e estuda accións polo acto frustrado de Santiago

Vox presentou este martes unha denuncia ante a sección de instrución do Xulgado de...