InicioEconomíaO CTAG presenta un ERE e un ERTE con 150 despedimentos e...

O CTAG presenta un ERE e un ERTE con 150 despedimentos e 110 días de regulación para o persoal

A empresa alega razóns produtivas e económicas. Segundo trasladou, os ingresos do centro reducíronse e baixaron os fondos procedentes de subvencións públicas

PUBLICADO O

- Advertisement -

A crise do sector da automoción chegou tamén ao Centro Tecnolóxico e de Automoción de Galicia (CTAG), situado no Porriño, cuxa dirección trasladou nas últimas horas aos sindicatos a comunicación para iniciar a negociación dun ERE e un ERTE. Sobre a mesa, a empresa puxo 150 despedimentos e unha regulación de 110 días para o resto do persoal.

Os sindicatos, que levan tempo alertando de problemas no centro, con perda de proxectos e despedimentos, explicaron que estes números son a formulación inicial, pero que tentarán reducir ao máximo o impacto das medidas ao longo das negociacións.

Así, o CTAG comunicou a súa proposta inicial: un ERE extintivo para un máximo de 150 traballadores (dun persoal total de case 900 empregados) e un expediente de regulación temporal de emprego para o resto do persoal de 110 días de duración. “Son os números máis altos que se deron no sector”, reflexionou Hugo Méndez, representante da CIG no comité, que lembrou que o ERE de Stellantis, “que xa foi unha barbaridade”, alcanzou os 90 días.

A empresa alega razóns produtivas e económicas. Segundo trasladou, os ingresos do centro reducíronse e baixaron os fondos procedentes de subvencións públicas e, doutra banda, a situación internacional de incerteza, os aranceis ou a competencia de China, tamén fixeron madeixa no CTAG.

Con todo, desde a CIG sinalaron que estudarán con detemento a memoria económica entregada pola empresa, xa que o número de traballadores afectados pola regulación parécelles “excesivo” para as cifras económicas que presentou a empresa. Por iso, Hugo Méndez chamou á “calma” para poder analizar ben a situación, aínda que incidiu en que a intención da CIG é reducir ao mínimo posible o impacto das medidas no proceso de negociación.

Na mesma liña, David Casal, de CC.OO., recoñeceu que a situación é “complexa, pero aínda aberta”, e explicou que o sindicato traballará no período de negociación para “reducir o impacto, garantir saídas voluntarias e protexer o emprego cualificado”.

Segundo matizou, “non hai despedimentos inmediatos”, xa que o proceso ten prazos legais (tras a comunicación da empresa ábrese un prazo de 7 días para que se constitúa a comisión negociadora). “A nosa prioridade é que se xestione con diálogo, transparencia e garantías para todo o persoal”, remarcou, antes de insistir en que a “prioridade” de CC.OO. é que “ninguén quede atrás” e que o CTAG “siga sendo un referente de innovación e emprego estable”.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...