A Universidade de Vigo (UVigo) presentou este luns o V edición do seu plan ‘Ciencia de Ida e Volta’, un programa da súa Unidade de Cultura Científica que pretende fomentar a cultura científica, impulsar vocacións e dar visibilidade á investigación levada a cabo no centro académico.
Foi a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, a encargada de presentar esta iniciativa, que contará con novas accións e formatos para chegar a máis persoas, como o desenvolvemento dun videopodcast sobre reciclaxe e residuos e dun teatro inmersivo polo Día Mundial do Teatro, unha homenaxe a Agatha Christie, de cuxo falecemento se cumprirán 50 anos en 2026.
Un concurso de fotografía, un taller de ilustración científica ou exposicións temáticas tamén serán algunhas das actividades que se englobarán dentro desta quinta edición. “Actividades nas que buscamos a implicación do noso persoal investigador”, afirmou Valderrama, indicando que a primeira delas comezará este venres e luns coa formación Comunica a túa ciencia, destinada a aqueles que queiran aprender a como mostrar ante a sociedade o coñecemento científico.
Acompañada polas técnicas de UCC+i, Ana Costa e Elena Muiños, Valderrama lembrou que na anterior edición máis de 10.000 persoas participaron nas actividades desenvolvidas polo programa. Con financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, as actividades desta quinta edición do programa levarán a cabo entre outubro de 2025 e xuño de 2026 nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra.
NOVAS LIÑAS DE ACCIÓN
Coincidindo co seu quinto aniversario, o plan incorpora novas liñas de acción centradas nos grandes desafíos actuais, como o cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade. Tamén introduce formatos innovadores como xornadas de teatro inmersivo, exposicións temáticas ou enquisas de percepción social, “que permitirán comprender mellor a relación entre a cidadanía e a ciencia”.
Por exemplo, o plan continuará a principios de novembro co Día da Ciencia en Galego (4 de novembro), que celebrará a súa segunda edición para pór en valor a investigación e divulgación na lingua de Galicia. O día Mundial da Pesca (21 de novembro), Ciencia de Ida e Volta levará a cabo actividades ao redor do mar e dos recursos mariños. Ademais, tamén se manterán as accións do 11 de febreiro (Día da muller e a nena na ciencia), entre moitas outras.s outras.