InicioOpiniónOPINIÓN.- Unha cidade para quen a fixo grande

OPINIÓN.- Unha cidade para quen a fixo grande

Lois Pérez Leira, activista e divulgador cultural

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Partido Popular de Vigo vén de propoñer que a antiga estación de autobuses se converta nun centro para o asociacionismo da cidade. É certo que o tecido asociativo de Vigo é rico, diverso e precisa espazos dignos para traballar e medrar. Ninguén dubida diso. Mais tamén é certo que as prioridades dunha cidade deben establecerse tendo en conta as necesidades máis urxentes da súa cidadanía, e hoxe por hoxe, unha delas é a creación dunha nova residencia pública para persoas maiores.

Vigo é unha cidade que envellece, e moitas das persoas que levantaron esta cidade cos seus esforzos, co seu traballo e coa súa entrega, están a enfrontarse agora a unha vellez sen os recursos que merecen. A demanda de prazas en residencias públicas é altísima, e a oferta, insuficiente. Non é de recibo que moitos vigueses e viguesas teñan que esperar anos para acceder a un servizo esencial ou incluso verse obrigados a marchar fóra da cidade, lonxe das súas familias e do seu entorno.

Converter a antiga estación de autobuses nunha residencia moderna, accesible, cunha atención de calidade e espazos humanizados, sería unha verdadeira homenaxe a toda esa xente que fixo de Vigo a cidade que hoxe coñecemos. Esa estación, ben conectada, ampla e nun lugar céntrico, podería ser o lugar perfecto para esta infraestrutura social que leva anos sendo reclamada.

Por suposto, o asociacionismo tamén debe ter espazo, mais hai outros edificios públicos e solucións posibles para el. O que non hai son moitas oportunidades como esta para poñer en valor ás persoas maiores dunha forma tan clara e transformadora.

E, xa que estamos a falar de decisións que afectan a toda a cidadanía, non estaría de máis que este tipo de temas se sometesen a consulta popular. A democracia non se debería exercer só cada catro anos. En cuestións de gran impacto social, a democracia directa —consultas locais, participación cidadá real— pode ser unha ferramenta poderosa para construír unha cidade máis xusta e inclusiva.

Vigo ten que decidir se quere ser unha cidade que mira cara ao futuro sen esquecer quen a fixo posible. E iso tamén é unha cuestión de prioridades.

ÚLTIMAS

Un falecido e tres feridos nun choque frontal en Redondela: un dos ocupantes quedou atrapado no vehículo

Unha persoa faleceu e outras tres resultaron feridas nunha colisión entre dous vehículos este...

Centos de médicos reclaman en Vigo un estatuto propio: “Non queremos atendervos mal nin con pouco tempo”

Centenares de médicos saíron á rúa este xoves en Vigo para pedir un estatuto...

Ultimato de Caballero á Deputación para a firma do convenio para a piscina de Teis: “Xa non fago paripés”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, expuxo este xoves un ultimato á Deputación de...

Buscan un novo plan funcional e estratéxico para o IFEVI de Vigo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, informou de que este venres...