O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo conmemorou este venres o décimo aniversario da súa posta en funcionamento cun acto institucional no que o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, fixo un chamamento a recoñecer o centro como un “orgullo” da sanidade pública galega e “referente” nacional en moitos aspectos.
A cerimonia reuniu a diversas autoridades sanitarias actuais e anteriores, entre elas o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, así como Rocío Mosquera, Xullo García Comesaña e Jesús Vázquez Almuíña, quen ocuparon anteriormente ese cargo. Tamén estiveron presentes o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e César Cunqueiro, fillo do escritor que dá nome ao hospital.
Durante o acto, Rueda fixo un percorrido polos logros do centro ao longo da súa primeira década de vida, destacando cifras como case 123.000 intervencións cirúrxicas, máis de 358.000 ingresos hospitalarios, uns 4 millóns de consultas externas e máis de 1,8 millóns de atencións en Urxencias. “Estas cifras só son posibles grazas ao traballo dos seus 3.800 profesionais”, afirmou, apuntando a un índice de satisfacción da cidadanía superior ao 90 %.
UN HOSPITAL DE VANGARDA
O presidente galego destacou a aposta pola innovación que fixo posible situar o Álvaro Cunqueiro como un centro de vangarda, con tecnoloxías como a cirurxía robótica, as terapias CAR-T ou unidades pioneiras no ámbito da saúde mental. Rueda reivindicou a “decisión valente” de poñer en marcha este proxecto e sinalou que, “malia que quedan cousas por mellorar”, o hospital e os seus profesionais representan unha “historia de éxito”.
Tamén puxo o foco na dimensión docente e investigadora do hospital, que participa en numerosos proxectos a nivel nacional e europeo, con máis de 40 ensaios clínicos activos só na área de Oncoloxía. Segundo afirmou, o Álvaro Cunqueiro consolidouse como un referente asistencial e científico tanto dentro como fóra de Galicia.
NOVOS SERVIZOS E INVESTIMENTOS
Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade informou da incorporación de novos servizos ao hospital nos vindeiros meses, como unha nova área de rehabilitación cardíaca, un hospital de día médico e unha unidade de reprodución asistida.
Segundo datos da Consellería, nos últimos anos a Xunta investiu máis de 6,8 millóns de euros en obras de mellora e superou os 15 millóns na adquisición de nova tecnoloxía médica, o que permite mellorar a atención e reforzar o posicionamento do hospital na rede pública.
TESTEMUÑAS DE PROFESIONAIS E PACIENTES
O acto institucional contou tamén coas intervencións de profesionais sanitarios e usuarios que quixeron compartir as súas experiencias. A cirurxiá Isabel Otero, xefa de sección de Cirurxía Xeral, destacou que “Vigo se merecía un gran hospital” e lembrou que este centro non é só un edificio, senón “un buque insignia” feito polas persoas que o conforman.
O enfermeiro Luciano Sanromán, do servizo de Dixestivo, subliñou o papel que xogou o hospital en tempos de crise como a pandemia de Covid-19, e destacou o avance na súa práctica asistencial grazas á mellora das condicións e medios dispoñibles.
A dimensión humana do centro foi posta de relevo polas intervencións de dous pacientes, Manuel Estévez Pereira, que superou un transplante de medula, e Beatriz Gándara Carneiro, atendida na Unidade de Ictus, quen expresaron o seu agradecemento polo trato recibido.
O xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Ponte, fixo fincapé na importancia de seguir mirando ao futuro cunha visión esperanzadora, aproveitando os logros destes dez anos como base para continuar medrando e innovando.