InicioSucesosUn ano e nove meses de cadea para o exalcalde de Bembrive...

Un ano e nove meses de cadea para o exalcalde de Bembrive despois dun acordo na cuarta condena por corrupción

Roberto Ballesteros está actualmente en prisión, cumprindo condena de dous anos e dous meses por prevaricación, falsidade documental e malversación de caudais públicos, os mesmos delitos polos que foi acusado neste procedemento

PUBLICADO O

- Advertisement -

O exalcalde pedáneo de Bembrive, o socialista Roberto Ballesteros, aceptou este mércores a pena de 1 ano e 9 meses de prisión nunha vista de conformidade celebrada na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, na cuarta causa por delitos de corrupción na que se ve involucrado Ballesteros.

Ballesteros está actualmente en prisión, cumprindo condena de dous anos e dous meses por prevaricación, falsidade documental e malversación de caudais públicos, os mesmos delitos polos que foi acusado neste procedemento.

Nesta ocasión, atribúese ao exalcalde pedáneo e dous responsables dunha empresa construtora (había outro acusado no banco, a iniciativa da acusación popular, pero retirouse a acusación e resultou absolto) a elaboración de facturas mendaces en relación a obras e actuacións que, ou ben non levaron a cabo por esta empresa, ou ben se facturaron con sobrecusto.

Tras o acordo, e coa aplicación da atenuante de dilacións indebidas, Ballesteros aceptou un ano e 9 meses de cárcere como autor dos delitos de continuados de malversación de caudais públicos, prevaricación e falsidade documental. Igualmente, impúxoselle unha pena de inhabilitación para cargo público durante 2 anos e medio.

Con respecto aos outros dous acusados, un deles, José Q.G., foi condenado a 1 ano e medio de prisión e 2 anos e un día de inhabilitación como autor dun delito continuado de falsidade documental e como cooperador necesario no delito de malversación.

Mentres, Manuel C.F. foi condenado, polos mesmos delitos, á pena de 1 ano e 1 día de prisión, e inhabilitación por dous anos e un día.

No caso destes dous acusados, o tribunal acordou suspender a execución da pena por un período de 5 anos, coa condición de que non delincan nese tempo e de que paguen a responsabilidade civil: unha indemnización de 38.407,03 euros para a Entidad local Menor de Bembrive, da que deberán responder solidariamente todos os procesados.

CONDENAS PREVIAS

Roberto Ballesteros xa foi condenado en 2017 a 7 anos de inhabilitación por retirar de forma ilegal as atribucións dos vogais do PP na Xunta Veciñal. En abril de 2021 por condenado a dous anos e 2 meses de cárcere e 7 anos de inhabilitación por falsidade, malversación e prevaricación, polo pago de obras que non se executaron.

En 2022, nunha terceira causa, o exalcalde pedáneo aceptou nunha vista de conformidade outros 9 anos de inhabilitación pola adxudicación ‘a dedo’ de varias obras, por valor de case 800.000 euros.

Dáse a circunstancia de que o alcalde pedáneo que substituíu a Ballesteros, o tamén socialista Marcos Castro, foi tamén condenado a 12 anos de inhabilitación por prevaricar na subministración de sidra para a Festa da Sidra dos anos 2019 e 2020.

ÚLTIMAS

A Universidade de Vigo aproba o orzamento máis alto da súa historia con 251,1 millóns para 2026

O Consello Social da Universidade de Vigo (UVigo) ratificou este luns o orzamento da...

Vigo licita o servizo de transporte urbano para os próximos nove anos por case 196 millóns

A xunta de goberno local de Vigo aprobou este luns a licitación do transporte...

A Policía Nacional desarticula en Vigo unha banda que asaltaba a empresarios chineses en toda España

A Policía Nacional desarticulou en Vigo un grupo criminal colombiano especializado en asaltar a...

A Xunta urxe a Vigo a sinalizar o Camiño para evitar que os 90.000 pelegríns se “perdan”

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director da Axencia de...