O BNG de Vigo presentou este martes na xerencia de Urbanismo do Concello unha proposta para a creación, antes de que finalice o ano, dun programa municipal de impulso ao cooperativismo de vivenda en réxime de aluguer ou cesión de uso.
Nun comunicado, o Bloque reivindicou que o obxectivo desta iniciativa é combater a “emerxencia habitacional” que afecta á cidade e busca ofrecer unha solución “innovadora e accesible” fronte á escala de prezos.
Segundo o portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, a fórmula proposta permitiría que as cooperativas mantivesen a propiedade colectiva dos inmobles, mentres as persoas obteñen un dereito de uso indefinido a cambio dunha achega inicial recuperable e cotas mensuais, en forma de aluguer, “axustadas aos custos reais, non aos desorbitados prezos de mercado”.
Para el, este sistema elimina intermediarios especulativos, reduce custos e fomenta a participación democrática e a creación de comunidade.
“É unha solución que garante estabilidade residencial e combate a especulación, para facer efectivo o dereito fundamental á vivenda digna”, resumiu Igrexas.
