InicioSociedadeA Audiencia ordena reabrir a causa polo accidente do Marisquiño e pide...

A Audiencia ordena reabrir a causa polo accidente do Marisquiño e pide concretar posibles responsables penais

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra estimou parcialmente os recursos interpostos por varios lesionados no accidente ocorrido en agosto de 2018, durante a celebración dun concerto do festival O Marisquiño (cando parte dun peirao colapsou e causou máis de 400 lesionados), e devolveu as actuacións ao xulgado de instrución 3 de Vigo para que concrete posibles responsabilidades penais por parte dos investigados, tanto técnicos do Concello como do Porto de Vigo.

O xulgado de instrución acordou en xaneiro de 2023 o arquivo provisional e sobresemento da causa, ao entender que os feitos non tiñan relevancia penal, e que os afectados deberían acudir á vía civil. Entre os argumentos que achegaba o xulgado, estaba a ausencia de normativa sobre mantemento desas estruturas no momento en que se construíron e puxeron a disposición do Porto e da cidade.

No seu auto, de 7 de abril de 2025, a Audiencia sinala que non comparte os criterios esgrimidos pola xuíza instrutora e apunta, entre outras cuestións, que a interpretación do xulgado de instrución “deixaría fóra de sanción penal calquera tipo de actividade non regulada administrativamente”. “Reducíndoa ao absurdo, que non se podería sancionar a ninguén pola caída dunha ponte romana ou unha igrexa medieval cun mantemento deficitario (…), porque os romanos ou os construtores medievais non previran unha regulación específica do mantemento da estrutura”, sinala a Audiencia no auto.

Igualmente, lembra que, con esa omisión, “estar a vulnerar o dereito á vida e a integridade física e moral dos cidadáns”, e engade que, en calquera caso, o arquitecto autor do proxecto ‘Abrir Vigo ao mar’, Vázquez Consuegra, si detallou unhas normas de mantemento “que non se cumpriron neste caso, en que houbo unha completa omisión das revisións que precisaban as estruturas”.

PRECEDENTES

Por outra banda, os maxistrados do tribunal provincial lembran que hai sentenzas do TSXG que estableceron a obrigación do Concello de conservar ese patrimonio, obxecto dun convenio de 1992, unhas resolucións que “teñen relevancia neste proceso”.

En definitiva, a Audiencia acolle parcialmente os recursos de varios dos lesionados (aínda que desestima os presentados polo Porto e polo Real Club Naútico) e revoga o auto de sobresemento, devolvendo as actuacións ao xulgado de instrución para que dite unha resolución na que se fundamente “a posible infracción do deber de coidado por parte das dúas entidades públicas que foron chamadas a xuízo en condición de responsables civís subsidiarias”.

No entanto, matiza a Audiencia que, como a responsabilidade penal só pode imputarse a persoas físicas, deberá concretarse na resolución que se dite “se é posible imputar a algún dos concretos investigados, en función das súas concretas tarefas asignadas e da súa intervención nos feitos investigados, unha conduta que puidese ter relevancia penal suficiente como para acordar a continuación do procedemento na súa contra, distinguindo esa relevancia segundo a entidade pública a que pertenzan”.

ÚLTIMAS

O condutor falecido tras unha pelexa con outro na A-55 en Mos morreu por un paro cardíaco

A autopsia practicada ao condutor de 52 anos falecido o pasado domingo tras unha...

O goberno de Vigo di que actuou dentro da legalidade tras suspedr o contrato do bus

O Concello de Vigo fixo público este martes un comunicado sobre a suspensión da...

O Concello de Vigo critica o “estado lamentable” da antiga estación de autobuses tras cederlla a Xunta

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello aceptará a cesión da...

O BNG esixe explicacións urxentes pola suspensión do contrato do bus de Vigo e alerta de “inseguridade xurídica”

O grupo municipal do BNG anunciou este martes que solicitará a convocatoria dunha Xunta...