InicioVigo e contornaVigoDesaloxo da Federación Veciñal de Vigo da súa sede: "Bótannos como cans"

Desaloxo da Federación Veciñal de Vigo da súa sede: “Bótannos como cans”

Os responsables da FAVEC concentráronse este venres ante o inmoble, que leva 4 anos pechado (a Federación Veciñal entregou as súas chaves en 2021, ante o inicio dunhas obras de rehabilitación, pero coa previsión de volver), e denunciaron que o seu desaloxo é "un acto de ditadura"

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo culminou este venres o desaloxo definitivo da Federación de Asociacións Veciñais ‘Eduardo Chao’ (FAVEC) do edificio municipal da Praza da Princesa no que tivo a súa sede desde hai 30 anos, pondo fin a un proceso que, asegura a Federación, iniciouse no momento en que a entidade veciñal comezou a ser crítica con algunhas decisións e actuacións do goberno local, hai máis de 10 anos.

Os responsables da FAVEC concentráronse este venres ante o inmoble, que leva 4 anos pechado (a Federación Veciñal entregou as súas chaves en 2021, ante o inicio dunhas obras de rehabilitación, pero coa previsión de volver), e denunciaron que o seu desaloxo é “un acto de ditadura”.

Segundo explicou a presidenta da Federación, María Pérez, a entidade entregou as chaves das oficinas hai 4 anos e, nas últimas horas, recibiron na súa sede provisional (os locais da asociación veciñal Camiño Lanuxe) unha citación da Policía Local, para estar presentes cando se recepcionara o inmoble e comprobar que estivese en bo estado. “Se levamos catro anos fóra de aquí, nós non sabemos como está!”, incidiu.

Para María Pérez, a decisión do goberno local de desaloxar á FAVEC reflicte a “falta de democracia total” do alcalde, Abel Caballero, a quen “non lle gusta cando lle critican”. “Nós só queremos atender aos veciños de Vigo, desenvolver a nosa función, que é atender a aqueles que o Concello non atende”, remarcou.

Segundo lembrou, a Federación ten un convenio para ocupar esas instalacións que finaliza en 2030. “E bótannos como a cans, bótannos á rúa”, denunciou. “Esta falta de democracia non pode ser. Cando uns veciños pelexan pola súa parroquia, xa son ‘antivigueses’ para o alcalde”, proclamou, e advertiu de que, a pesar deste desaloxo definitivo, “a FAVEC non se acaba, vai seguir traballando e axudando á xente”

María Pérez lembrou que a entidade veciñal leva uns 10 anos sen recibir financiamento municipal. “Cando eramos ‘amigos’ tiñamos convenios e todo o que pediamos, pero unha vez criticamos unha subida de impostos municipais. Ese mesmo día chamaron a un membro da directiva e dixéronlle que se acabou o financiamento para a FAVEC”, relatou, e avanzou que a entidade acudirá aos tribunais para defenderse e chegará “ata o final”, para que “todo o mundo decátese do que fai este señor en Vigo”.

APOIO DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN

A FAVEC recibiu este venres o apoio dos grupos da oposición, PP e BNG, que participaron na concentración con motivo do desaloxo. Os ‘populares’ trasladaron, a través das redes sociais, a súa solidariedade coa entidade veciñal e constataron: “Isto é o que lles ocorre aos colectivos de Vigo cando se atreven a disentir ou a criticar a Caballero”.

Igualmente, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, cualificou este desaloxo como “un paso máis na represión” que o rexedor exerce sobre o tecido veciñal da cidade olívica, e subliñou que a decisión de deixar á FAVEC sen local non responde a ningunha necesidade obxectiva de espazos para o Concello.

“É un gravísimo paso máis nese réxime de terror antidemocrático que impón o goberno de Caballero, reprimindo con toda forma de violencia institucional a aqueles colectivos, entidades e movementos sociais que teñen a ousadía de expresar as súas opinións, críticas ou as reivindicacións dos veciños de Vigo“, criticou o edil nacionalista.

ÚLTIMAS

A Doblada: da desidia toponímica á desmemoria histórica

​Hai uns días, a Xunta de Galicia modificou decenas de toponímicos nas catro provincias,...

Condenado por estafar con falsos alugueiros de vivendas en Vigo e Sanxenxo

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a...

Vigo tacha de “sectario” o acto de Rueda no IES de Navia por non convidar a Caballero

O goberno municipal de Vigo criticou este martes o acto de colocación da primeira...

Traballadores de Stellantis Vigo denuncian a “cara oculta” da fábrica: precariedade, estrés e cargas insostibles

Traballadores de Stellantis Vigo concentráronse este martes diante das portas da fábrica para denunciar...