O goberno municipal de Vigo insistiu este xoves en defender a legalidade da súa actuación na tramitación dun patrocinio para o concerto que Guns N’ Roses ofreceu na cidade o 12 de xuño de 2023, e reiterou que a sentenza que condenou ao Concello a pagar 2 millóns de euros á promotora, que foi recorrida, contén “erros conceptuais”.
Así o trasladou o portavoz do goberno local, o edil socialista Carlos López Font, no pleno extraordinario celebrado a petición de PP e BNG para esixir explicacións ao alcalde e aos concelleiros implicados nesa tramitación (Patricia Rodríguez e Pablo Estévez).
Nin o rexedor nin os edís interpelados interviñeron na sesión, senón que foi López Font quen insistiu en que o goberno local cumpriu a legalidade ao convocar un concurso aberto de patrocinio, que quedou deserto por decisión da Mesa de Contratación, un “órgano técnico”, xa que a única licitadora “non cumpría os requisitos”.
Con todo, o portavoz socialista non respondeu ás preguntas da oposición sobre a reunión mantida entre o alcalde e o responsable dos promotora meses antes do concerto, nin sobre as negociacións previas e a carta de interese do Concello de Vigo (na que mostraba a súa disposición á celebración do concerto, a pagar case dous millóns de euros e ofrecía o estadio de Balaídos).
Por contra, López Font iniciou a súa intervención lembrando que a sentenza contra o Concello non é firme, e que o goberno municipal non pagou ese patrocinio para velar polo interese público, xa que o concurso, convocado “na absoluta legalidade”, quedou deserto. “Estamos ante unha operación política máis dos perdedores, dos que van xuntos (…), é patético ver como imploran vostedes, dan pena”, arremeteu contra PP e BNG.
Para o concelleiro do PSOE a sentenza condenatoria é “unha máis, non ten nada de excepcional”, e cualificou á oposición de “comisionistas a favor do recorrente”. “O Concello velou polos recursos públicos (…), aválannos 18 anos de goberno”, proclamou López Font, que contraatacou ao PP preguntando polo concerto de Muse promovido pola Xunta en Vigo, do que o goberno galego “non entregou a documentación”.
“Estamos ante a coalición antiVigo de perdedores, o único que hai son intereses partidistas. Son vostedes un exemplo de difamación, teñan coidado co que din porque xa se tentou pór en dúbida a honradez deste goberno e non o conseguiron, é unha honradez a proba de bombas”, proclamou o portavoz socialista.
“SENTENZA DEMOLEDORA”
Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Martín, lembrou que a sentenza que condena ao Concello é “demoledora” e pon de manifesto que a decisión de que a banda americana actuase en Vigo foi “estritamente política”, froito dunha reunión entre o alcalde, Abel Caballero, e o responsable da promotora Life Nation, Piñeiro Sagliocco.
Por iso, lamentou que o rexedor “se esconde” tras o portavoz do goberno local para non explicar por que se negociou coa empresa e chegouse a un acordo que logo non se cumpriu. Igualmente, tamén esixiu responsabilidades ao que era concelleiro de Festas, Pablo Estévez, que remitiu a carta de interese á promotora, e á concelleira de Contratación, Patricia Rodríguez, que presidiu a Mesa que declarou deserto o concurso de patrocinio.
“Só faltoulles dicir que o xuíz que asina a sentenza é antivigués”, ironizou o edil do PP, que matizou que non é o seu grupo o que pide ao Concello pagar, senón unha sentenza xudicial, e instou ao equipo de Caballero a “non mentir” porque foi o seu goberno o que “comprometeu o pago de 2 millóns e incumpriron”. “Son cento por cento culpables e sábeno”, remarcou.
TRÁMITES “IRREGULARES” E “FALSO CONCURSO PÚBLICO”
Mentres, o portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, subliñou que este proceso tivo “flagrantes irregularidades” na súa tramitación, que desembocaron na convocatoria dun “falso concurso público”, e que o goberno local “mentiu” sobre todo o procedemento. “Que dirían o PSOE e Abel Caballero se a Xunta ou a Deputación do PP apalabrasen nunha reunión clandestina entregar 2 millóns de euros para realizar un concerto?”, cuestionou.
“Se o escándalo fose noutra administración, o PSOE actuaría con enorme enerxía para que as irregularidades non queden impunes”, afirmou o edil nacionalista, que ironizou sobre a honradez e “integridade” do goberno local. “Pregúntenlle a un funcionario que está en prisión”, afirmou, en alusión ao traballador municipal condenado a prisión polo ‘enchufe’ dunha cuñada de Carmela Silva nunha contrata do Concello.
A proposta de acordo que presentaron os grupos do PP e o BNG, impulsores deste pleno extraordinario, incluía, ademais da reprobación do alcalde e a esixencia de responsabilidades aos concelleiros implicados neste patrocinio errado, a creación dunha comisión de investigación, a posta en marcha dunha oficina municipal anticorrupción e outras medidas de control. Finalmente, todo iso foi rexeitado polo voto en contra do goberno local.