O alcalde de Vigo, Abel Caballero, garantiu este venres que o novo trazado da autovía A-52, en túnel desde a cidade ata O Porriño, vaise a facer “si ou si”, a pesar da oposición de “uns poquitos veciños” ou ao rexeitamento “do PP e do BNG”, e advertiu: “Se alguén cre que por protestar van parar a autovía e vannos a levar á época dos carros de bois están equivocados, isto é Vigo”.
A preguntas dos xornalistas nunha rolda de prensa, o rexedor explicou que a tramitación desa actuación aínda está en fase de anteproxecto, e avanzou que os veciños que se opoñen serán “escoitados” cando “chegue o momento”. Con todo, advertiu de que as protestas non van paralizar esa obra, “póñanse como se poñan” quen a rexeitan. “Non nos van a devolver á época dos carros de bois (…), a algúns, se os deixamos, lévannos ás pallozas”, proclamou.
Caballero lembrou que a vía actual é “lenta e imposible” e, nela, “lamentablemente morre xente”, polo que reiterou que “esta broma de que un levantaba a man e parábanse as cousas, acabouse”.
O rexedor lembrou que o novo trazado ten un investimento de case 400 millóns de euros que pagará o Goberno de España e denunciou que o PP “se está movendo” para paralizala. Tras lembrar que, no seu día, “Feijóo dixo que non” á nova autovía, denunciou que agora trasladan o seu rexeitamento a través de “unha senadora”, en alusión á tamén alcaldesa de Mos (municipio afectado polo trazado), Nidia Arévalo.
Caballero criticou que existe tamén oposición por parte do BNG e repetiu a mensaxe: “Que se esquezan, esa autovía –e todo Vigo sábeo– é imprescindible. O problema é que chega 30 anos tarde”. Finalmente, asegurou que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable considera esa actuación “a obra máis prioritaria e máis importante en toda España”. “E o mesmo o alcalde, e a cidade tamén”, apostilou.