InicioEconomíaBesteiro defende unha "reindustrialización sustentable" e políticas demográficas efectivas ante empresarios vigueses

Besteiro defende unha “reindustrialización sustentable” e políticas demográficas efectivas ante empresarios vigueses

O portavoz parlamentario do PSdeG e candidato á Secretaría xeral do PSdeG defendeu aumentar o PIB industrial ao 20 % e crear 40.000 novos empregos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O portavoz parlamentario do PSdeG e candidato á Secretaría xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu unha “reindustrialización sustentable” para aumentar o PIB industrial ao 20 % e crear 40.000 novos empregos en Galicia e apostou por políticas demográficas. O dirixente socialista participou este martes nun xanto-coloquio coa asociación de empresarios Vicus Gallaecia, celebrado en Vigo.

Durante o acto, do que informou o PSdeG nun comunicado, Besteiro compartiu a súa análise sobre a situación socieconómica de Galicia, destacando a importancia de fortalecer a colaboración público-privada para impulsar o crecemento e a modernización da economía galega. Besteiro incidiu na necesidade de ser conscientes da realidade económica do país para abordar con eficacia os seus retos porque, dixo, “Galicia crece, pero a un ritmo inferior ao resto de España”. Ademais, referiuse ao problema do axuste entre a oferta e a demanda de emprego e á perda de talento novo, unha cuestión que ve agravada pola saída de miles de universitarios cada ano.

Respecto ao reto demográfico, o socialista destacou que o informe do Consello de Contas evidencia a falta de coordinación das políticas en materia de poboación e que Galicia non se pode permitir “deixar sen usar máis da metade dos fondos destinados á cohesión territorial”. Para afrontar esta situación, propuxo despregar políticas integradas que revitalicen o rural e combatan o despoboamento das provincias de Lugo e Ourense. “Necesitamos acabar coas dúas Galicias, a do Norte e a do Sur”, afirmou. Outro dos puntos centrais da súa intervención foi a aposta pola reindustrialización “ambiciosa e sustentable”.

Así, defendeu a necesidade de incrementar o PIB industrial do 16 % ao 20 % e crear máis de 40.000 postos de traballo, cun maior investimento en innovación e á xestión eficiente dos recursos renovables, como a enerxía eólica e o hidróxeno verde. Tamén reclamou unha maior execución dos fondos europeos dispoñibles para Galicia, “fundamentais para transformación sustentable e dixital do tecido empresarial”. Besteiro concluíu reafirmando o seu compromiso de traballar “da man dos empresarios e empresarias que cada día fan Galicia un pouco máis grande” e recalcou que a escoita activa é imprescindible para deseñar políticas “útiles e eficaces”.

“Este é o momento de actuar con ambición e planificación para non perder as oportunidades que Europa nos blinda”, dixo. O coloquio finalizou cun intercambio de propostas e reflexións no que, segundo o PSdeG, púxose de manifesto a vontade compartida de promover un futuro de progreso e desenvolvemento para Galicia.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...