A Asociación de Afectados de Stellantis (Afestel) polos motores PureTech convocaron unha manifestación este sábado por Zaragora para protestar pola situación que viven ante os problemas rexistrados na correa de distribución dos seus vehículos. Así, os representantes das vítimas anunciaron que xa se presentaron as primeiras demandas contra a compañía por este caso ante os xulgados de Vigo, onde a empresa ten a súa sede central en España.
Deste xeito, iníciase un proceso xudicial con máis de 100 demandas de conciliación, “que debería levar á multinacional francesa a indemnizar a esas vítimas cun importe total de 1,15 millóns de euros”, segundo reivindica Afestel. Ante esta situación, a Asociación, que agrupa a máis de 6.000 usuarios afectados, chamou a manifestarse este sábado, a partir das 10.30 horas, desde a fábrica de Stellantis en Figueruelas. Segundo explican desde Afestel, estes motores do Grupo PSA (agora Stellantis) levan a correa de distribución bañada en aceite e esta vaise desfacendo rapidamente, o que libera partículas que se desprazan polo motor, provocando avarías cuxa reparación rolda en moitos casos os 7.000 euros.
Esta cuestión motivou a alerta A12/01505/20 da Comisión Europea, na que se advertía de que “a bomba sen carga destes vehículos pode danarse debido ao material procedente da abrasión da correa dentada. Como resultado, a asistencia de freado podería reducirse ou perderse, aumentando o risco de accidente”. Ante isto, Afestel lamenta que só obtivo de Stellantis o silencio por resposta, algo que non desanima aos seus impulsores, dispostos a promover unha reclamación contra o grupo PSA – Stellantis “por vender milleiros de vehículos con defecto de fábrica, aínda coñecendo o mesmo”. Por iso chaman aos afectados a contactar e unirse enviando un correo electrónico a: ‘afectadoscorreapsa@gmail.com’.