O director vigúes David Hernández está presentando a súa primeira película, ‘La felicidad de los perros’, que participará no Cineuropa de Santiago de Compostela e no Festival Internacional de Cine de Xixión.
A elaboración desta cinta foi un proceso moi complicado, con poucos recursos e sen axuda ningunha, pero conseguiron sortear as dificultades. David cóntanos a historia de César, un home en paro de 40 anos, casado e con dúas fillas, que decide cambiar a súa vida, ‘escapar’.
Desde Xornal de Vigo valoramos o esforzo de David e falamos con el de arte, de autenticidade e por suposto da vida mesma.
P- Conta con referentes noutras formas de arte, ou só sinte paixón polo cine?
R- Todo está cheo de influencias que debes filtrar. A min o que máis me gusta son sen dúbida a música e o cinema, e nin eu sei cal máis. De feito, en ‘La felicidad de los perros’ a música orixinal de Iván Blanco é moi importante. Non vai deixar indiferente a ninguén, entre electrónica e acústica, atonal, suxerinte. Interésanme moito as músicas experimentais, a electrónica actual e independente, o ruído, e a Iván tamén.
Por outra banda, son fotógrafo. Na película traballou un director de fotografía, Neira, pero eu tamén teño o sentido fotográfico moi acentuado.
P- A súa cinta é en branco e negro. Que opina do desafío de elaborar unha película muda?
R- Pénsoo moitas veces. Para un largo habería que darlle moitas voltas, véxoo complicado, pero non para un corto. De feito, nesta película hai moitos momentos sen diálogos. Non me gusta que nunha película falen seguido, porque creo que non nos podemos deixar levar só polo que verbalizan os actores e perder a acción, para min nese caso é case teatro non cine. Todo dentro do respecto polos autores que teñan esa visión.
P- Que lle diría a un neno que falta a clase para gravar unha curta cos seus amigos?
R- Que estude primeiro e que despois faga películas… (risas). Pero é marabilloso que os máis novos fagan cousas dese estilo. Todo o que sexa creativo é para ben, non é tempo perdido e menos para un rapaz.
P- Que é para vostede o cine?
R- Un medio para contar o que haces neste mundo e o mundo no que estás. Comunicarte. O cine ten recursos case infinitos para contar, outros artes son máis esquemáticos, pero neste existen moitos niveis diferentes de narración. É moi completo.
P- A nivel creativo, que tentaba máis neste proxecto, crear algo novedoso que non se fixera antes ou lograr un alto nivel de calidade?
R- Non podes pensar nin nunha cousa nin outra. Cada persoa é única, así que se es sincero saldrá algo orixinal. Forzar o novedoso leva por mal camino, queda un ‘pastiche’. Tes que facer o teu cine, o que sae de dentro, porque o di o teu interior, e xa se verá se resulta unha gran obra. Máis que a orixinalidade, o que buscas é atopar a túa forma propia de mirar.
P- Como levaba a tensión dos momentos finais da elaboración da película, o cansancio, o intento de que non quedara ningún erro?
R- Facer cine é un camiño de incerteza, é todo moi complexo e non sabes se funcionará ou non. Pedir opinións é importante, ti como director debes buscar unha coherencia. É un momento de inseguridade. Cando dúas persoas vían a película e dicían o mesmo erro, eu pensaba: aquí hai un problema.
De tódolos xeitos, unha película é algo global. Eu son tamén un espectador e tódalas películas son imperfectas, incluso as mellores, aínda que sexa só por unha localización mal escollida. O que importa é se funciona ou non no seu obxectivo.
P- Non agotaba xa traballar na mesma historia 4 anos despois?
R– Máis que a historia, que é a que quería contar, o que me angustiaba era o pensar que non sería quen de acabala. Empecei a gravar no peor momento da crise.
P- E, por último, hai novas ideas para o futuro?
R- Teño xa algunha historia pensada, con este mesmo transfondo. Porque me interesa falar do mundo no que estamos desde a ficción, desde a historia persoal e a introspección duns personaxes. A nivel de estilo continuarei fiel, desenvolvéndoo.
Gustaríame comezar canto antes, e espero, aínda que sexa complicado, que os festivais aos que accedeu ‘La felicidad de los perros’ fagan máis sinxela a seguinte cinta. Porque unha película así, nestas condicións, faise só unha vez na vida.