InicioMovementos SociaisO Festival Internacional de Cine Inclusivo chega a Vigo o 2 de...

O Festival Internacional de Cine Inclusivo chega a Vigo o 2 de maio

Todas as actividades serán de balde.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Este venres tivo lugar o acto de presentación oficial da terceira edición do Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, que chega disposto a recordar por que é necesario traballar por un cine accesible para todos. O Concello de Vigo foi o lugar elexido para a presentación. O alcalde Abel Caballero convidou aos vigueses e viguesas a apoiar e participar nesta iniciativa de inclusión.

Ao rexedor acompañábano o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, o presidente da asociación AGAIN, Gonzalo Suárez e representantes de organizacións colaboradoras. Entre outros  Gonzalo Talegón, Director da área comercial de CaixaBank en Vigo, pola Obra Social La Caixa; Jaime Coira, delegado da Fundación Grupo SIFU e Pablo Louro, delegado de Gadis en Pontevedra.

Gonzalo Suárez falou sobre a programación do Festival, que inclúe como novidade o concurso de documentais internacionais e sesións escolares, e destacou que todas as actividades que se organizan son de balde.

Suárez agradeceu o esforzo de todos os colaboradores que fan posible esta terceira edición. Gonzalo Talegón interveu a continuación para subliñar a firme vontade de cooperación que a Obra Social La Caixa quixo establecer cos organizadores do VIIFF, apreciando a labor de inclusión e visibilización que se leva a cabo a través do audiovisual, valores que encaixan na súa filosofía de implicación social e cultural.

Pola súa banda, Jaime Coira, da Fundación Grupo SIFU, dedicada á integración das persoas con diversidade funcional, sinalou a importancia de sumarse a esta iniciativa, similar a outras ás que tamén ten ofrecido o seu apoio e experiencia como promotora da igualdade de oportunidades e a normalización da discapacidade.

Despois Pablo Louro, de Gadis recalcou a intención desta empresa de seguir colaborando en futuras edicións do Festival, destacando o seu compromiso coas iniciativas culturais que contribúen a crear unha sociedade mellor e con igualdade de oportunidades.

CONVENIO DE COLABORACIÓN COA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Tamén o venres se asinou na Deputación de Pontevedra o convenio de colaboración entre este organismo público e AGAIN. A presidenta da Deputación, Carmela Silva quixo lembrar a necesidade de visibilizar a diversidade funcional.

Silva tamén agradeceu a acción levada a diante por AGAIN como colectivo social implicado na loita pola igualdade e a normalización. No acto presentáronse ademáis as esculturas realizadas pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra, coas que se agasallará aos premiados nos concursos de documentais e curtas.

O Concello de Vigo abrirá as portas do Auditorio de Praza do Rei entre o 2 e o 5 de maio, para que os espectadores poidan gozar do mellor cine documental e curtametraxe. O VIIFF quere ser tamén un espazo de debate en torno á inclusión e as barreiras que impiden o acceso universal á séptima arte. Todas as actividades propostas son gratuitas ata completar o aforo.

Unha das novidades que ofrece esta edición é o Vig-In Doc, festival de documentais internacionais de temática inclusiva.  O Vig-In Doc terá lugar as tardes do mércores 2, xoves 3 e vernes 4 de maio. Cada unha das cintas trata unha problemática ou discapacidade concreta. Así, a galega “Esquece Monelos”, Ángeles Huerta, 2016, gañadora de tres premios Mestre Mateo e nomeada a mellor documental nos premios Feroz, adéntrase na perda da memoria e en como afecta a aqueles que a padecen.  Por outra banda “Los Niños” Maite Alberdi, 2017, fala dun grupo de persoas con síndrome de Down que teñen o desexo de pasar á vida adulta. Ademáis, “Swim Team” Lara Stolman, 2017 e “Octubre” Carlos Tejero, 2017, achéganos ao autismo, tema ao que está dedicada esta edición do Festival.

ACHEGAR O AUTISMO AOS ESCOLARES

A edición deste ano está dedicada especialmente á visibilización das persoas con TEA (Trastornos do Espectro Autista). Por iso, as mañás do mércores 2 e d venres 4 de maio, a sección Coñece! ofrecerá aos escolares vigueses a oportunidade de coñecer máis de cerca esta cuestión.

A actividade consiste na proxección da serie de Netflix “Atypical” (Atípico), que narra as aventuras dun rapaz con autismo que, ca súa decisión de buscar moza provocará profundos cambios na súa vida e na da súa familia.

Trala proxección as asociacións Autismo Vigo e TEAVI darán a coñecer a realidade das persoas con TEA ós escolares, cos que manterán un coloquio. A actividade enmárcase nunha colaboración entre a Concellería de Educación e AGAIN (Asociación Galega Audiovisual Inclusiva), organizadora do Festival.

SEXO E DISCAPACIDADES

Para a noite do venres 4 de maio, o VIIFF presenta a sección Novas Miras, que nace coa intención de crear un espazo de debate ao redor de aspectos pouco tratados da realidade das persoas con diversidade funcional.

A partir das 21:00 horas o profesor Robert Casas, da Universidade Hood College (Frederick, Estados Unidos) poñerá sobre a mesa a cuestión da sexualidad nas persoas con diversidade fundcional, coa súa presentación “Deseos proyectados: sexualidad, empatía y reivindicaciones políticas”.

Trala charla terá lugar a proxección da película, presentada na 64º edición do Festival de San Sebastián e premiada entre outros galardóns coa Violeta de Ouro do Festival Cinespaña de Toulouse (Francia).

A cinta pon o acento na necesidade sexual e nas dificultades que atopan as persoas con diversidade funcional para satisfacela, situando ao espectador nun lugar incómodo dende o que se invita a practicar a empatía.

Trátase dunha excelente oportunidade para reflexionar sobre a liberdade de cada ser humano. E tamén para mirar de frente una realidade que rara vez se nos amosa, tanto no cine como na vida.

FACER CINEMA ACCESIBLE

O Festival  quere crear tamén un espazo de debate en torno á necesidade de facer cine accesible, labor que non só implica aos propios traballadores do audiovisual, senón a toda a sociedade. Por iso, a mañá do sábado 5 de maio os vigueses teñen unha cita co cine para todos no Auditorio de Praza do Rei.

O profesor da Universidade de Vigo Pablo Romero, director do novo observatorio galego de accesibilidade aos medios (GALMA), ofrecerá unha charla sobre cine accesible.
Nela se presentará a iniciativa accesible filmmaking (produción cinematográfica accesible), que consiste na integración da tradución e a accesibilidade como parte do proceso de produción cinematográfica e na que leva traballando dez anos coa ONU, gobernos, produtoras e universidades de todo o mundo, promovendo un cine que ten en conta non só a os espectadores da versión orixinal, senón tamén aos das versión traducidas e accesibles.

AUDIODESCRICIÓN E SUBTITULADO

A tarde do sábado está reservada ao Festival de Curtas. Trala recepción na alfombra vermella ás 17:00 horas, as proxeccións comezarán ás 18:00 horas coa estrea de “Pingas”, o debut como directora de Déborah Vukusic.

Todas as curtametraxes están subtituladas e audiodescritas para persoas con dificultades auditivas e visuais. Trátase dunha coidada selección entre as que destacan a xa mencionada de Rodrigo Sorogoyen “Madre”, “Matria”, do vigués Álvaro Gago e gañador do gran premio do Xurado no Festival de Sundance, “Escarabana” da actriz Sara Casasnovas ou “17 años juntos”, de Javier Fesser.

Trala votación do público e a proxección da curta “Sordas” de Génesis Lence, que se presenta fóra de concurso, terá lugar a entrega de premios e estatuíllas, realizadas pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.

As condutoras da gala serán a actriz e presentadora Cristina Maró e a tamén actriz Cris Iglesias, coñecida polo seu papel de Leticia Charlín en Fariña. O evento contará ademais coa colaboración de Entresignos, que interpretará o trascurso da mesma en lingua de signos.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...