InicioMovementos SociaisUnha rede de colaboración para atopar a verdade agochada tralos incendios que...

Unha rede de colaboración para atopar a verdade agochada tralos incendios que asolan Galicia

Os impulsores da Rede de Investigación Comunal sobre Montes e Lumes Forestais, autores do documental 'TramaLume', explican nesta entrevista a súa visión sobre os incendios en Galicia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Traballo en rede, comunitario, transversal, multidisciplinar e anónimo. Así opera a Rede de Investigación Comunal sobre Montes e Lumes Forestais, un “espazo de investigación cidadá” para abordar as “causas de fondo que fan tan vulnerable a situación dos montes galegos e da poboación do rural en xeral”.

Tras publicar tres vídeos dun documental en curso titulado TramaLume, os seus impulsores explican a natureza desta rede colaborativa e os seus propósitos, ademais de aportar a súa visión do problema dos incendios no país, para o que negan a hipótese da Xunta dun “terrorismo incendiario” e polo que culpan ao Goberno galego, ao central e a Unión Europea como partes responsables. Para atacar o mal piden unha “sociedade valente e autogobernada, en rede e con memoria”.

De quen xorde a iniciativa e quen está participando?

TramaLume é a parte mediática da Rede de Investigación Comunal sobre Montes e Lumes Forestais. É dicir, TramaLume é o nome do documental que estamos a xerar por episodios, algunhas desas persoas traballando en equipos independentes.

Tamén é o hashtag#TramaLume que usamos en redes sociais para promocionar a visibilización e sensibilización sobre a problemática dos montes e os lumes forestais na Galiza. E tamén é o nome do sitio web onde estamos a promocionar estes contidos. A rede en si mesma é un espazo de investigación cidadá, comprendido coma rede por ser de relación libre e autónoma entre iguais.

É posible saber quen son as persoas ou colectivos que impulsan esta rede?

Está a ser un espazo de encontro, cooperación e pensamento crítico sobre as causas de fondo que fan tan vulnerable a situación dos montes galegos e da poboación do rural en xeral, como vimos as pasadas semanas e levamos vendo os últimos anos coas sucesivas vagas de incendios forestais.

Non hai impulsores, non hai cabezas, só persoas que poden estar a iniciar ou dinamizar certos procesos e que desbordan a lóxica das organizacións tradicionais. Esas persoas son anónimas.

Lume en Gondomar, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 / Miguel Núñez

Canta xente hai na rede?

Nos distintos grupos de traballo somos entre 50 e 60 persoas de todo o país, con colaboracións de persoas do resto do Estado español e alén do Atlántico.

Cal é o perfil dos que integran esta rede?

Hai un grupo de comunicación que congrega agora mesmo a profesionais de diversos eidos: enxeñeiros e técnicos forestais, politólogos, xornalistas, ecoloxistas, activistas, expertos en tecnoloxías da comunicación e audiovisuais, traballadores de comunidades de montes, etc.

Isto non implica que todas as persoas teñan a mesma implicación nin que participen nos mesmos tempos. Dende que se abriu a chamada estanse formando equipos de traballo segundo intereses e capacidades.

Hai na rede algún vencello político ou sindicalista?

Entendemos que por vencello político refíreste a política representativa de partido.

Si…

Nese caso, non, non hai vencellos políticos. Nin sindicalista. Nese senso, o das organizacións políticas tradicionais, estamos desvencellados, máis en ningún caso somos apolíticos.Traballamos nunha rede de traballo colaborativo, que está aínda definíndose.

Por que o anonimato?

O anonimato é unha ferramenta. Evita que cando o dedo apunte ao ceo, os parvos ollen para o dedo. Tamén é un seguro dobre diante de:

1. Egos, as afiliacións, filias ou fobias, e a favor dun traballo de multilideranza real que evite o “premio” dunha posible atención mediática. Isto é algo que tende a corromper os procesos de traballo colaborativo.

2. Por protexer ás persoas e as súas achegas á hora de arroxar luz sobre os potenciais lobbies, intereses privados e portas xiratorias que rodean a nosa problemática de estudo.

Defínense como “Anónimxs, con Memoria”. O anonimato é un recurso xa moi común entre os ciberactivistas, con Anonymous como paradigma. Que lles garante a vostedes o anonimato?

Anonymous é unha rede coñecida por hackear servidores e webs de entidades e institucións, grosso modo. Nós somos unha rede medrante e distribuída de persoas que tentamos ser anónimas para desenvolver un traballo de investigación cidadá, para desbloquear un problema que ameaza o futuro do rural, e por tanto do noso país.

Nada garante o anonimato ao 100% na rede hoxe en día, e é unha cuestión de escala. O que pretendemos algunhas persoas é que esta rede medre a través de relacións de máxima confianza. Hai moitas persoas implicadas no coidado dos recursos comúns do país, e entre nós ímonos coñecendo logo de ter partillado tempos e espazos. Este é só un proxecto posible onde nos atopar e enredar de novo por un ben/obxectivo común.

“Hackers do social, brigadistas dos comúns, gardas forestais do patrimonio material e inmaterial… Pero sobre todo, somos persoas que forman parte dunha sociedade que quere ser consciente e activa”.

Como protexen o seu anonimato?

Usando tecnoloxías libres e encriptadas, servizos hospedados en plataformas seguras xestionadas por colectivos de confianza, e asegurándonos de manter certos filtros mínimos á hora de conectar entre nós para accións específicas.

O anonimato é unha ‘ferramenta’ usada polos ciberactivistas e hacktivistas como un xeito de garantir a liberdade e a súa seguridade, visión que se opón á clásica opinión de que o anonimato garante delitos e resta credibilidade. Temen que poida pasar iso, que lles resten credibilidade ou lles cuestionen por non se identificaren?

O traballo dalgúns é de recoller datos, artigos, información… por un lado, e por outro favorecer a visibilización deses datos e coñecementos que xa existen, coma no caso do documental por episodios.

Na parte documental non estamos máis que amosando as opinións de quen anda preto dos montes, quen traballa no rural ou ten coñecementos prácticos, técnicos ou científicos sobre o ámbito forestal, do lume, etc.

Son testemuñas dende a zona cero, pero que apuntan causas de fondo que veñen de moi lonxe e que levan estruturando o monte e os modos de habitar o rural galego dun xeito que tende a favorecer non os intereses da poboación, actual e futura, senón os intereses privados dun número reducido de actores.

En canto a contidos, non estamos a facer nada novo que non fagan xornalistas e especialistas cada vez que hai unha vaga de lume. O como é o distinto, queremos asegurar como cidadanía espazos de reflexión e acción propios sobre un problema que condiciona o futuro do noso territorio.

Ademais, a intención é sobrepoñernos aos modelos usados até agora e manter a cuestión visible, superar a inmediatez da visibilidade mediática, que fai que ano tras ano e o problema dos lumes pasa a un terceiro ou cuarto plano, unha vez remata a tempada.

Ao non haber unha intención maior que a de manter a sensibilidade e potenciar o coñecemento da sociedade polas causas e efectos dos lumes, apenas nada pode afectar á credibilidade de todo isto, e a cuestión do anonimato segue a ser necesaria para moitas destas persoas.

Vostedes elixiron o servizo Tucows para a súa páxina web. Un servizo vencellado á promoción e protección dunha Internet aberta e libre, e vinculado a causas ciberactivistas. Ten que ver esa natureza de Tucows coa elección deste servizo e coa esencia da rede que están creando?

Loxicamente, o coñecemento das redes por parte dalgúns/has participantes lévanos a usar as tecnoloxías máis seguras para evitar colocar a ninguén ao frente no escaparate ou na responsabilidade sobre un proceso de investigación colectiva e en rede entre iguais. É unha cuestión de coherencia.

“Está por ver quen ou que incendia, se hai pagamentos, quen paga, a quen beneficia o lume”.

Sumado a isto, é obvio, vendo os vídeos, que nestes traballos audiovisuais hai calidade técnica e profesionalidade. Intúese, con todo isto, que son xente preparada, formada e con coñecementos en comunicación e movementos na Rede. É así?

Iso é só unha evidencia de que no país hai persoas ben formadas, profesionais preparadas e preparados que son quen de dar un paso adiante e organizarse de xeito independente para promover a conciencia social e protexer os recursos de todas e todos.

Considéranse documentalistas, xornalistas, investigadores, activistas…?

E tamén se queres hackers do social, brigadistas dos comúns, gardas forestais do noso patrimonio material e inmaterial… Si. Pero sobre todo, persoas que forman parte dunha sociedade que quere ser consciente e activa.

Polo que puidemos comprobar, a súa conta en Twitter foi creada o 27 de outubro e a páxina web o 19, inmediatamente despois da vaga de incendios. Cando comezou a xestarse realmente esta rede?

Logo da vaga de lumes que asolou Galiza. Foron comentarios en grupos de comunicación, chamadas en rede por todo o territorio galego, que deron en xuntármonos nun grupo de comunicación aberto. Dende aí, conversas rápidas, comezar a partillar ligazóns a publicacións, medios e videos relacionados co tema.

A continuación, configuráronse un par ou tres de equipos de xeito natural que xa están traballando. Os tempos foron segundo a necesidade. Rexistramos a web pensando en partillar recursos, e despois comezou o traballo audiovisual e algunhas decidimos abrir unha conta de Twitter co hashtag #TramaLume, para facer chegar ao público o primeiro episodio do documental, durante a manifestación contra a Lei de Depredación da Galiza, que estaba usando xa varios hashtags como #ArdeGaliza#QueimanGaliza, etc., para para promocionarse.

E funcionou. O primeiro video que publicamos acadou 8.600 visualizacións en poucos días, conseguimos conectar cunha parte das persoas preocupadas polo tema, e iso abre camiño a seguir publicando e ter certo seguimento. Agora dependerá da calidade do contido, das testemuñas e dos datos que se vaian fiando.

“Até agora hai indicios de toda índole sobre a existencia dunha trama de incendios. Até ser probas fica todo por facer”.

É esta unha rede con vocación de permanecer no tempo e de medrar?

Iso está por ver. Sobreviviremos á cuestión catalana que impera nas mentes dos galegos e galegas estes días? Seremos quen de aumentar a tensión crítica sobre a cuestión do ordenamento forestal e os modos de vida do rural?

Ou deixaremos pola contra unha morea de recursos que ficarán aí agardando a ser útiles na vindeira vaga de lumes forestais, ou será o proxecto mineiro de terras raras dunha empresa do Canadá que faga saltar as alarmas? En calquera caso, as persoas confiamos en que algo de todo isto fique operativo, dende logo, cantas máis persoas sexamos, máis doado pode ser manter as forzas no tempo.

Cales serán as súas próximas accións?

Seguir publicando testemuñas recollidas por todo o territorio galego en relación aos lumes e os montes, e eventualmente montar un documental (peza final) que recolla as impresións e informacións máis interesantes.

Tamén, seguir recompilando datos e espallando información, chamando a atención sobre a cuestión dos posibles intereses que hai detrás do abandono da xestión forestal, da inexistencia de ordenamento forestal, dos intereses económicos na extinción de incendios e que inflúan no futuro dos montes.

Cal é o seu obxectivo concreto?

Poñer nun mapa ben clariño as causas e relacións de poder entre os lumes e os posibles intereses e políticas que de xeito directo ou indirecto impoñen as lóxicas extractivistas nos nosos montes, favorecen o abandono do rural, presionan para que os recursos comúns sexan privatizados en nome de intereses xerais espurios, e que mantén a sociedade galega alienada das súas co-rresponsabilidades sobre o territorio e do seu potencial de desenvolvemento.

Din traballar para visibilizar as tramas que fan arder os nosos montes. Hai unha trama de incendios en Galicia?

Está por ver. Por ver quen ou que incendia, se hai pagamentos, quen paga, a quen beneficia o lume. O que está claro dende hai tempo é que o monte arde porque interesa que arda.

Existe toda unha serie de incentivos complexos, unha trama, que xunto coa falta de alternativas viables de aproveitamento do monte a grande escala, cunha poboación rural en constante caída e suburbanizada, que en conxunto crean condicións favorables para que ano tras ano se produzan lumes nos nosos montes.

Está por definir cal é a relación dos lumes con este escenario de desestruturación do rural en Galiza, pero unha cousa non existiría sen a outra, como vemos na nosa contorna inmediata. Tamén por probar está a responsabilidade do noso goberno en que isto aconteza, por acción ou omisión.

Que probas, evidencias ou indicios hai para falar dunha trama incendiaria?

Até agora hai indicios de toda índole. Até ser probas fica todo por facer. Precísanse investigacións e auditorías independentes sobre os recursos, as políticas, proxectos empresariais, etc., e relacionar todos eses datos para ver se os indicios chegan a ser probas.

Un primeiro paso nesa liña sería conseguir que a Xunta de Galicia fixese pública toda a información que ten dispoñible sobre as causas, perímetros e tipos de superficies queimadas nos incendios, que distintas asociacións ecoloxistas levan décadas demandando.

“Hai evidencias claras de irresponsabilidade política na promoción da industria do eucalipto/celulosa, por insustentabilidade”.

Que conclusións sacan vostedes logo de falar con distintas persoas? Cales cren que son as causas dos incendios e quen os responsables?

Polo de agora están a haber evidencias de responsabilidades políticas claras, e de fins lucrativos secundarios a través de contratos e fomento de leis sobre o solo e o monte; causas polas que se están a manter os recursos de prevención dos lumes en estado precario e polas cales se favorece a contratación de servizos privados unha vez comezan os lumes.

Tamén hai evidencias claras de irresponsabilidade política na promoción da industria do eucalipto/celulosa, por insustentabilidade. Cómpre investigar se é denunciable, e destapar tamén que outras relacións pode haber con outros sectores extractivos implantados, ou con posibilidades de facelo, no país.

Resulta evidente que a carencia de recursos para a prevención dos lumes é unha responsabilidade dos últimos gobernos da Xunta de Galicia, e doutras administracións competentes en materia de ordenamento forestal, como a Unión Europea ou o Goberno central español.

Sendo eles responsables da xestión do noso territorio por mandato, entre os anos 1987 e 2009 o Inventario Forestal Nacional vén datando que a superficie arborada galega na que o eucalipto é a especie predominante pasou de menos do 5% a máis do 20%.

Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Tamén a administración é a responsable de que non haxa mecanismos para a fiscalización efectiva dalgunhas cláusulas das leis de protección medioambiental, que garanten no papel que as masas de frondosas non sexan alternadas, pero que non teñen efectos na práctica, como amosa a evolución dos usos de chan no noso país.

Por dar un exemplo un informe do Tribunal de Contas avaliando o 4º quinquenio de execución (2008-2012) do Plan Forestal de Galicia demostraba que malia que o obxectivo do Plan Forestal de Galicia era o ordeamento e recapitalización do monte, até o de agora investíronse máis recursos en prevención e extinción de lumes ca en ordeamento.

O PFG prevía gastar un 3% en políticas forestais entre 2008-2012. Acabou executándose só o 1,44%. Dende o 2008 e até a actualidade o gasto anual da Xunta ronda os 150 millóns de euros: 100 en extinción de incendios e 50 noutras actuacións. Ademais, estase a traballar nun novo Plan Forestal de Galicia sen terse avaliado os resultados do anterior.

Nesta liña, hai poucos días unha denuncia da Asociación Petón do Lobo solicitaba á Comisión Europea que pida explicacións a ese goberno sobre o destino de 40 millóns de euros de axudas recibidas para paliar os efectos do quencemento global, que inclúe a prevención de incendios, a todas luces ineficaz no caso galego.

“Que a Xunta fale de terrorismo incendiario é sinalar fóra do seu tellado, colocar inimigos invisibles, intratables, inabarcables”.

A Xunta falou primeiro de terrorismo incendiario, pero logo isto foise diluíndo. Ademais, os tres únicos detidos son autores de lumes por imprudencia ou neglixencia que tan só queimaron menos de 5 das case 50.000 hectáreas queimadas. Que opinión lles merece todo isto?

Díxose moito xa sobre isto: falar de terrorismo é sinalar fóra do seu tellado, colocar inimigos invisibles, intratables, inabarcables. E sobre todo, como mencionou xa un recoñecido experto no tema, Edelmiro López Iglesias, falar que o terrorismo é a causa dos nosos problemas no monte en Galiza implica que nós non temos nada que facer para solucionalo.

Fomos atacados por un axente alleo, os terroristas, e a solución é encarceralos, non facer un ordenamento forestal eficaz, ou facer políticas de dinamización do rural, para dar vías de saída á súa poboación.

Que mensaxe queren enviar á sociedade galega?

Que cómpre tomar accións por manter vivos e sans os recursos comúns. Que cómpre estar informadas e informados para actuar eficazmente e sair das ondas que nos arrastran por sorpresa e nos teñen sempre cen pasos por detrás dos intereses económicos e lucrativos dos lobbies.

Se queremos que o rural sexa un rural vivo, con calidade ambiental e posibilidades de vida para as vindeiras xeracións, temos que tomar medidas xa, dende as nosas contornas locais.

Como facelo? As tecnoloxías que temos ao noso dispor son máis poderosas se as usamos activamente para dar voz e discurso a quen ten coñecemento e experiencia. Que cómpre sair dos modelos clásicos informativos -prensa, tv, radio- e artellar redes fortes de acción e contrainformación.

E á Xunta e todas as administracións públicas?

Que cada vez máis terán que render contas sobre as súas accións e omisións sobre o estado da superficie forestal e do territorio rural en Galiza. Unha cidadanía activa e informada non debera supoñer unha ameaza para unhas institucións verdadeiramente democráticas.

Queren engadir algo máis?

Precísanse máis colectivos de persoas organizadas, máis redes de poboación en acción e pensamento crítico por todo o territorio. Unha sociedade valente e autogobernada, en rede e con memoria. Para calqueira información ou colaboración contactade a tramalume@disroot.org ou en Twitter @trama_lume.

ÚLTIMAS

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...

A Xunta asina un novo contratro con Povisa por 195 millons para atender a un suposto de 116.000 usuarios

A Xunta de Galicia autorizou este venres o contrato co Hospital Povisa para a...

O ‘stolpersteine’ de Jaime, asasinado en Mauthausen. Cando a memoria tropeza coa pedra da historia

O Concello de Nigrán colocou este xoves un 'Stolpersteine' en memoria de Jaime Martínez...