InicioPolíticaRexeitada a moción contra Altri do BNG entre reproches a Xabier Pérez:...

Rexeitada a moción contra Altri do BNG entre reproches a Xabier Pérez: “Que ten que ver iso con Vigo?”

O 'non' do PP e a abstención do PSOE tomban no pleno de Vigo a moción do BNG de rexeitamento á planta de Altri. Os socialistas ven "un insulto" que se debata sobre un proxecto que non está relacionado coa cidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O voto contrario do PP e a abstención do grupo socialista tombaron a moción presentada polo BNG para rexeitar a instalación dunha macroplanta de celulosa por parte da multinacional Altri en Palas de Rei. A moción, defendida polo portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, buscaba un posicionamento en contra da macroplanta por parte da Corporación viguesa, alegando que a instalación suporá “unha bomba ambiental no corazón de Galicia”.

O edil do BNG subliñou que se trata dun “proxecto depredador”, tramitado “con opacidade” e que terá unha gran afección ambiental, social e económica, atentando “contra o interese xeral de Galicia”.

O grupo municipal do PP trasladou o seu rexeitamento a esta moción, ao considerar que o BNG está a incorrer en “excesos verbais”, dentro dunha “estratexia de confusión da opinión pública”. Respecto diso, o portavoz do grupo, Miguel Martín, lembrou que o proxecto de Altri aínda está en proceso de avaliación, tramitándose con “total transparencia” e que a súa instalación está condicionada ao cumprimento de normativas de seguridade e ambientais “moi esixentes”.

Por iso, o edil ‘popular’ instou aos nacionalistas a “abandonar a politización” neste asunto e a “volver ao consenso”, a cando tanto nacionalistas como socialistas expresaron “o seu apoio” ao proxecto.

“QUE TEN QUE VER CON ESTE PLENO ALTRI?”

Mentres, o portavoz do PSOE, Carlos López Font, xustificou a abstención do seu grupo porque, ao seu xuízo, a moción do BNG é “unha vergoña e un insulto á intelixencia”, co obxectivo de “antepor o interese de partido e as siglas” aos intereses da cidade. “Que ten que ver con este pleno Altri? Que obrigación ten este pleno de situarse?”, proclamou, antes de subliñar que o grupo do BNG “está ás ordes da súa xefa de Santiago”.

Segundo o portavoz do grupo socialista e do goberno local, esta moción responde o interese de Pérez Igrexas de ter “proxección persoal”, e convidoulle a que se “esqueza de facer méritos” porque a mellora de resultados do BNG nas últimas citas electorais non foi máis que “unha miraxe”.

En resposta a estas palabras, e para pechar o debate, o portavoz do BNG lembrou ao goberno local que “Vigo non é unha cidade estado illada”, e cualificou de “vergoñoso” que o PSOE “fuxa de situarse”. Así mesmo, proclamou que é igual de “vergoñoso” que o grupo socialista de Vigo “traizoe” aos seus compañeiros do PSOE de Palas de Rei.

Sobre a posición do PP, Pérez Igrexas subliñou que ao grupo ‘popular’ “todo dálle igual” e limítase a “reproducir o argumentario con mansedumbre”. Agora, recalcou, os concelleiros exercen “de comerciais de Altri” pero “saben tanto de economía produtiva como de protección ambiental: nada”.

ÚLTIMAS

Xulgados de Vigo admiten a trámite as primeiras demandas de afectados por motores PureTech de Stellantis

A Asociación de Afectados Stellantis (Afestel) polos motores PureTech anunciou que os xulgados de...

Varios colectivos chaman a manifestarse en Vigo o 30 de xaneiro por recortes en recursos públicos educativos e sociais

A Federación Olívica de Anpas (Foanpas); os sindicatos STEG, CIG e CUT; e a...

Traballadores de Levantina convocan este xoves unha manifestación no Porriño en rexeitamento ao ERE que suporá 95 despedimentos

Traballadores da empresa de pedra natural Levantina marcharán este xoves polo Porriño en rexeitamento...

Nova polémica no Pleno de Vigo tras aprobarse un novo programa de vivendas para familias vulnerables

A Xerencia de Urbanismo de Vigo aprobou este martes unha iniciativa para pór en...