O director da planta de Stellantis en Vigo, Ignacio Bueno, referiuse este martes ao ERE voluntario para 90 empregados que se está negociando co comité e incidiu en que non se trata dunha “medida negativa”, senón dun axuste “ordenado” do persoal. Así o trasladou a preguntas dos medios, tras un acto de recoñecemento de Sanidade ao persoal da factoría pola súa implicación nas campañas de doazón de sangue.
Ignacio Bueno subliñou que os ERE para axustar persoal son “unha práctica habitual” nas empresas, e lembrou que, neste caso, está tamén relacionado coa idade dalgúns traballadores, que fai que “teñan outros intereses”, e enmárcase nas medidas de produtividade.
Así, esta regulación “pretende un axuste de persoal que poida ser necesario, de forma ordenada”, afirmou e, tras insistir en que non é algo “negativo”, constatou que “é lei de vida dunha empresa” e desvinculouno de factores externos, como a competencia de produtos chineses ou os eventuais problemas de subministración.
A dirección da fábrica viguesa expuxo a pasada semana aos representantes sindicais a proposta deste Expediente de Regulación de Emprego (ERE) voluntario para 90 traballadores, dos cales 60 serían de estrutura administrativa e cadros de mando, e 30 de taller.
URXE A CONEXIÓN DA PLANTA COA LIÑA DE MOI ALTA TENSIÓN
Por outra banda, urxiu a concreción de prazos para a construción da nova subestación eléctrica e a conexión da planta coa liña de moi alta tensión, e sinalou que este servizo é “necesario para a supervivencia da fábrica”. Ignacio Bueno afirmou que, aínda que xa hai confirmación do Goberno de España de que a fábrica viguesa terá esa moi alta tensión, aínda non hai prazos.
“Xa nos gustaría ter (prazos) concretos”, proclamou o director, quen engadiu que “iso si que é necesario para a supervivencia da fábrica”. Respecto diso, subliñou que as previsións de descarbonización de Stellantis requiren máis consumo eléctrico. “E sen esa subministración teriamos problemas”, constatou.
EXPECTATIVAS PARA 2024: SORTEAR OS INCONVINTES “COMO SE PODE”
Con todo, Ignacio Bueno afirmou que as expectativas de Stellantis Vigo para 2024 son “boas”, nun escenario en que “a cadea de subministracións é máis estable” e prevense volumes “altos” de produción, co lanzamento de proxectos (os modelos máis novos de furgonetas e o híbrido do Peugeot 2008). “A nosa previsión é superar as cifras de produción do ano pasado”, afirmou, aínda que pediu ser cautos porque “é mellor esperar a fin de ano”.
Non entanto, recoñeceu que os problemas no Mar Vermello están a afectar ás cadeas loxísticas e que a fábrica vai sorteando os inconvintes “como pode”. “Sempre que se alonga o tempo de subministración dunha peza a 14 días hai que ver a alternativa”, explicou, e sinalou que, no caso de que haxa marxe de ‘stock‘, os transportes fanse por mar, rodeando o Cabo de Boa Esperanza.
Mentres, para as pezas urxentes, está a optarse por fretar avións para evitar parar a liña de produción. As subministracións afectadas son, en xeral, compresores, caixas de cambios e outras pezas do interior do vehículo, que chegan á planta procedentes de India, China e Xapón.
Finalmente sobre a participación no PERTE do vehículo conectado, Ignacio Bueno sinalou que segue “en estudo” e que Stellantis está “en contacto” co Ministerio de Industria, con quen mantén unha “excelente” relación. Segundo apuntou, a previsión é que, no mes de febreiro, “haxa comunicacións” respecto diso.