InicioPolíticaO Pleno de Vigo aprobará provisionalmente a novo PXOM o 28 de...

O Pleno de Vigo aprobará provisionalmente a novo PXOM o 28 de decembro

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo prevé a aprobación provisional do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) o próximo 28 de decembro, data na que, se non hai sorpresas, convocarase a sesión plenaria para ese efecto, na que a maioría absoluta dos socialistas permitirá dar luz verde ao documento urbanístico.

Previamente, o documento será levado, este xoves, ao Consello da Xerencia de Urbanismo, que actúa como comisión informativa neste caso. Deste xeito, o novo Plan terá o visto e prace do Concello antes da data límite do 5 de xaneiro, momento en que decae a vixencia do Instrumento de Ordenación Provisional (IOP).

Así, está previsto que no primeiro semestre do ano que vén entre en vigor a novo PXOM, que substituirá ao Plan aprobado en 2008 e anulado en 2015 polo Tribunal Supremo, debido a unha insuficiente motivación por parte da Xunta (naquel momento gobernada por PSOE e BNG) acerca da non obrigatoriedade da avaliación ambiental estratéxica.

O 28 de decembro, por tanto, cúmprese un novo fito na tramitación do novo plan, tras anos de xestións, estudos, modificacións, adaptacións, recollida de informes, etc. O PXOM foi aprobado inicialmente en agosto de 2021 e, no período de presentación de alegacións, presentáronse 4.502 suxestións ou reclamacións.

Segundo explicou o goberno local, das alegacións presentadas, o 45 % foron aceptadas “total ou parcialmente”; así mesmo, o equipo de Abel Caballero defendeu a seguridade xurídica do novo Plan, a creación de chan industrial, as zonas verdes e equipamentos, creación de chan para vivenda protexida ou as novas dotacións.

O Plan Xeral de 2008 foi anulado a finais de 2015 e, tras un intento, rexeitado pola Xunta, de recuperar o documento no que se chamou a ‘solución Parejo’ (en alusión á alternativa proposta polo experto en urbanismo Luciano Parejo), o goberno municipal acabou por iniciar os trámites para redactar un novo documento.

A redacción da novo PXOM foi adxudicada en outubro de 2018, e a aprobación provisional chegou en agosto de 2021. Mentres, nos últimos anos, nos que Vigo se viu obrigada a ‘volver’ ao plan de 1993, os proxectos estratéxicos e de interese público, como o complexo intermodal de Vialia ou a ampliación do Ifevi, puideron tramitarse sen Plan grazas á lei autonómica 3/2016.

Así mesmo, outra das ferramentas das que dispuxo a cidade para o desenvolvemento urbanístico de certos ámbitos estes anos sen PXOM foi o Instrumento de Ordenación Provisional (IOP), unha figura cuxa aplicación está condicionada a que o Concello cumpra unha serie de prazos e aprobe provisionalmente o novo Plan nun máximo de 3 anos e medio. De feito, no caso de Vigo, tivo que ampliarse a vixencia do IOP dado que se superaba o prazo.

ÚLTIMAS

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...

Un accidente na Ponte de Rande provoca retencións na AP-9

Un accidente na ponte de Rande provoca retencións na autoestrada AP-9 en dirección Pontevedra,...

Deteñen un home en por presunta agresión á súa nai octoxenaria

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, A.I.R., de...