O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) volve á rúa para achegar a investigación mariña que se desenvolvea toda a cidadanía, dun xeito lúdico e apto para todas as idades. Tras as actividades do pasado 11 de novembro, o centro continúa organizando unha feira científica e visitas guiadas no marco das súas Xornadas de Portas Abertas, unha actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Concretamente, o venres 17 de novembro, en horario de 17:00 a 20:30 no Centro Comercial A Laxe, haberá unha serie de obradoiros de diferentes temáticas de investigación mariña baixo o título “Coñece o CIM na rúa”: fósiles mariños, nanopartículas, identificación de animais mariños por métodos xenéticos, pesca e cambio climático, etc. As actividades serán de libre acceso para un público familiar e non é preciso inscribirse. Simultaneamente, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo (APV), persoal do CIM ofrecerá as persoas interesadas visitas guiadas á instalación permanente e visor subacuático “Nautilus” que a APV ten xunto ao Centro Comercial. As visitas serán de 16 a 18 horas e requerirán inscrición previa na web cienciasingular.gal.
estas actividades complétanse o sábado 18 de novembro coa celebración da acción “Embárcate co CIM”, na que as persoas participantes, previa inscrición, poderán subirse a un barco-aula para navegar entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Durante o traxecto desenvolvéronse unha serie de actividades de observación, obtención de mostras de sedimento e organismos mariños e explicacións por parte de diversas persoas investigadoras do CIM. Xa na illa levouse a cabo unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do Centro de Investigación Mariña.
NA PROCURA DA VOCACIÓN CIENTÍFICA ENTRE OS MÁIS PEQUENOS
Con este tipo de iniciativas trátase de dar a coñecer a ciencia mariña e o traballo do persoal investigador do CIM, ademais de xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas xornadas. Concretamente, o director do centro, Daniel Rey, destaca que “temos a obriga de dar a coñecer o que facemos á sociedade, e non só iso, senón tamén visibilizar a relevancia que ten esa investigación para o noso futuro e para o futuro dos océanos. Ademais, é a ferramenta máis poderosa que temos para xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas actividades”.
“O noso obxectivo é que a cidadanía coñeza o CIM e o traballo que realiza o seu persoal investigador, unha labor de gran relevancia tanto a nivel nacional como internacional da que moitas veces non se é consciente. Este ano quixemos as nosas xornadas fosen unha corrente de coñecemento mariño que espertase na cidade de Vigo o interese por descubrir a investigación que se realiza tan preto pero que ten repercusión a gran escala”, engadiu Daniel Rey.