Un dos feridos durante o incendio rexistrado na madrugada do pasado mércores nun edificio de Vigo, no que faleceron catro persoas, foi dado de alta, mentres que outros catro continúan nas unidades de coidados intensivos (UCI) de diferentes centros hospitalarios galegos e unha sexta persoa atópase en planta do Hospital Ribeira Povisa.
Así se desprende da última información da Consellería de Sanidade, que asegura que tres pacientes están na UCI de Povisa, dúas en estado crítico e un con prognóstico reservado. Pola súa banda, a persoa que está en planta deste centro ten unha evolución favorable e outro ferido xa foi dado de alta o venres. Por último, a menor ingresada na UCI do Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera da Coruña, irmá dos tres nenos falecidos no lume, evoluciona favorablemente, segundo a Consellería.
FEITOS
O incendio desatouse na madrugada do martes para o mércores, e os bombeiros apuntan a que se iniciou no vestíbulo do inmoble. Aínda que os veciños sinalaron que o lume foi intencionado e apuntaron directamente a un home que viviu en edificio e foi expulsado “por conflitivo”, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e as fontes policiais matizaron que é prematuro confirmar esa hipótese, mentres os investigadores seguen traballando.
En concreto, a Policía Nacional informou de que non se levou a cabo “ningunha detención” nin se prevé, polo momento, ningún arresto, aínda que non descartou nin confirmou que haxa intencionalidade nos feitos. Ademais das catro persoas falecidas, unha nai e tres dos seus fillos, os servizos sanitarios atenderon ‘in situ’ a sete persoas, unha das cales solicitou a alta voluntaria. Así mesmo, foron trasladadas inicialmente a centros hospitalarios nove persoas, incluíndo ao pai dos nenos falecidos e a filla menor da parella. Con todo, catro feridos xa foron dados de alta o mércores, quedando na actualidade cinco hospitalizados.
O CONCELLO PIDE VIVENDAS Á XUNTA
A concelleira de Benestar Social do Concello de Vigo remitiu unha carta á conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García, na que reclama unha solución habitacional para as familias que vivían no edificio de Alfonso X, ao atoparse en situación de vulnerabilidade e non poder acceder a unha vivenda.
Na carta, a edila viguesa explica que o Concello asumiu a primeira atención de emerxencia a esas familias, que vivían de forma ilegal no edificio sinistrado. Así, 14 persoas, entre elas varios menores, seguen reacollidos nun hostal sufragado pola administración municipal.
Con todo, sinalou Yolanda Aguiar, esa resposta de emerxencia dada polo Concello para cubrir temporalmente as necesidades das familias afectadas “non pode ser, en ningún caso, unha solución definitiva ao problema”. Por iso, tras lembrar que é a Xunta a que ten competencias en materia de vivenda, e especialmente no que respecta a colectivos vulnerables, urxiu ao goberno autonómico a adoptar as medidas necesarias para dar unha solución a esas familias.
AVISOS DESDE 2020
Por outra banda, a concelleira explicou, a través dunhas declaracións remitidas aos medios, que o goberno vigués levaba desde 2020 alertando da situación de “exclusión severa” das familias que habitaban o poboado chabolista do Caramuxo (a maioría das cales se instalaron logo no edificio de Alfonso X). Naquel momento, indicou, a Xunta limitouse a expor que non contaba con vivendas sociais dispoñibles para esas familias, “deixando resolta así a situación, segundo eles”.
Yolanda Aguiar censurou a posición da presidenta do PP de Vigo e portavoz municipal, Marta Fernández-Tapias, por utilizar de forma “deleznable” a traxedia do incendio para atacar ao goberno municipal vigués, e lembroulle que “é competencia do IGVS” a política de vivenda. Nese sentido, proclamou que agora será o goberno vigués o que “esixa explicacións” á Xunta por non exercer esas competencias, e iso a pesar dos requirimentos e avisos do Concello sobre a situación desas familias xa fai tres anos.