InicioSociedadeOs principais impostos municipais de Vigo subirán un 4 % en 2024...

Os principais impostos municipais de Vigo subirán un 4 % en 2024 para “manter o nivel” dos servizos

O goberno local estima que a "actualización" terá "efectos mínimos" para os veciños

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo prepara unha “actualización” das principais taxas e impostos locais, que supón unha subida do 4 %, e que se aplicará en 2024, segundo confirmou este luns o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros.

A través dunhas declaracións enviadas aos medios, Aneiros explicou que a Xunta de Goberno abordou este luns a modificación das ordenanzas fiscais, que “non se modifican desde 2019”, salvo para reducir certas taxas durante o máis duro da pandemia de Covid. Segundo subliñou, a redución nos impostos acumulada desde 2019, e contando co efecto da inflacción acumulado, foi do 16 %.

O goberno local xustificou a modificación das ordenanzas polo actual contexto de incremento do Salario Mínimo, incremento das pensións e aumento medio do 8 % nas retribucións recollidas nos novos convenios asinados.

Así, tomando como período de referencia o que vai de abril de 2022 a abril de 2023, o aumento de impostos municipais para o ano que vén será do 4 %. Con este incremento de ingresos, explicou Jaime Aneiros, preténdese “manter o nivel da facenda pública de Vigo” e a calidade dos servizos, facendo fronte ás necesidades dos veciños.

Entre os impostos que verán reflectida esa subida está o IBI, o IAE, a recollida de lixos (cuxo recibo actual “só cobra o 64 % do custo do servizo), o de circulación, o guindastre municipal, os transportes especiais, vaos ou o IAE. No caso do recibo da auga (saneamento e abastecemento), aplicarase a subida ao tramo da factura correspondente á parte fixa, e manterase o custo por consumo.

Jaime Aneiros sinalou que “se trata de actualizar o nivel de ingresos” do Concello, para recuperar o grao de recadación das arcas municipais previo á pandemia e que estas modificacións terán “efectos mínimos para a cidade”.

O PP CRITICA A SUBIDA

O PP de Vigo criticou este luns a subida de impostos e taxas locais do 4 % para 2024 anunciada polo goberno da cidade, e lembrou que as arcas municipais teñen “case 200 millóns de euros de remanentes”, así como o baixo grao de execución orzamentaria.

A través dun comunicado, a presidenta do PP local e portavoz do grupo municipal, Marta Fernández-Tapias, lamentou que o PSOE “siga impondo a maior presión fiscal de Galicia” aos veciños da cidade, nunha decisión que vai “contracorriente” no contexto actual de alta inflacción.

Por iso, pediu que se reconsidere a subida impositiva, porque “non hai razón que xustifique esquilmar os petos dos cidadáns” polo “afán recadatorio sen límites” do goberno local, sobre todo tendo en conta que os propios socialistas presumen de ter un concello “saneado e con excedente de tesouraría”.

Fernández-Tapias, partidaria de “unha baixada xeneralizada dos impostos”, sinalou que as subidas anunciadas afectan os tributos máis comúns e pediu “dar un respiro ás familias”.

Por outra banda, lembrou que o pasado exercicio, o de 2022, o goberno local executou “menos dun terzo do investimento real orzada” e que os orzamentos municipais “ínflanse a base de proxectos e partidas que se repiten ano a ano sen que nunca se cheguen a executar”. A isto súmase que “a recadación superou en 22 millóns aos gastos” polo que “as contas só sáenlle a Abel Caballero, mentres crecen as dificultades dos cidadáns para chegar a fin de mes”.

Con respecto ao argumento esgrimido polo goberno para actualizar os impostos, de que debe manterse o nivel da facenda pública e a calidade dos servizos, Fernández-Tapias non ve “crible” a explicación, porque o alcalde “ben que tirou de remanentes para pagar os concertos deste verán para o seu ‘autobombo'”.

ÚLTIMAS

O ‘stolpersteine’ de Jaime, asasinado en Mauthausen. Cando a memoria tropeza coa pedra da historia

O Concello de Nigrán colocou este xoves un 'Stolpersteine' en memoria de Jaime Martínez...

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...