Ponteareas foi o municipio galego máis golpeado polo lume en 2017. Dous grandes incendios forestais declarados o 15 de outubro queimaron en conxunto 9.522,97 hectáreas, case a quinta parte do total que arrasaron todos os lumes —grandes e pequenos— declarados en Galicia aquela tráxica fin de semana, na que morreron catro persoas.
O concello ponteareán é o segundo máis castigado polos lumes en España, practicamente á par que o de Encinedo, en León, onde un incendio declarado o 21 de agosto de 2017 arrasou 9.820,66 hectáreas, o máis devastador dese ano en todo o Estado. En terceiro lugar sitúase o que aconteceu en Moguer (Huelva) o 24 de xuño, con 7.517,88 hectáreas, e o cuarto, o de Melón, tamén o 15 de outubro, con 5.965,86.
GRANDES INCENDIOS
Durante 2017 houbo 56 grandes incendios forestais en España —os que afectan máis de 500 hectáreas—, dos cales 23 se localizaron en Galicia (o 41%).
Os grandes incendios calcinaron en total en España 98.072 hectáreas durante o ano 2017, das cales 41.713,34 pertencen a Galicia. Isto é, o 42,5% da superficie total queimada polos grandes lumes no Estado español sitúase en Galicia.
Estes foron os grandes incendios en Galicia no ano 2017, por orde cronolóxica (todos, agás un, en outubro).
| Localidade | Data | Hectáreas |
| Verín | 03/08 | 1.372,18 |
| Lobios | 09/10 | 670 |
| Cervantes | 12/10 | 864 |
| Cervantes | 13/10 | 1.785 |
| Lobios | 14/10 | 3.425,48 |
| Tui | 15/10 | 865,37 |
| Chandrexa de Queixa | 15/10 | 741,03 |
| Baños de Molgas | 15/10 | 1.599,97 |
| Melón | 15/10 | 5.965,86 |
| San Cristovo de Cea | 15/10 | 1.520,34 |
| A Gudiña | 15/10 | 1.809,14 |
| Esgos | 15/10 | 573,03 |
| Maceda | 15/10 | 526,36 |
| Parada de Sil | 15/10 | 1.275,62 |
|
Salvaterra do Miño
|
15/10 | 770,14 |
| Caldas de Reis | 15/10 | 1.067.87 |
| Gondomar | 15/10 | 1.384,92 |
| Nigrán | 15/10 | 1.483,25 |
| As Neves | 15/10 | 2.818,49 |
| Ponteareas | 15/10 | 8.877,79 |
| Ponteareas | 15/10 | 645,18 |
| Mondariz | 15/10 | 568.32 |
| Negueira de Muñiz | 16/10 | 1.104 |
A maior parte dos grandes incendios concentráronse nas provincias de Ourense e Pontevedra, con 11 e 9, respectivamente. Lugo sufriu tres e A Coruña, ningún.
Na provincia de Pontevedra, os grandes incendios afectaron principalmente a zona sur e arrasaron un total de 18.481,33 hectáreas, o 44,30 por cento do total que estes lumes calcinaron en Galicia en 2017.
22 dos 23 grandes lumes producíronse no mes de outubro e 17 aconteceron o fatídico domingo 15 de outubro, cando se iniciou unha vaga de incendios que puxo media Galicia en xaque e se cobrou catro vidas humanas.
O NOROESTE, A ZONA MÁIS AFECTADA
A distribución do número total de incendios por área xeográfica mostra que a zona noroeste de España sufriu a maior cantidade de incendios, co 51,57% do total anual. Ademais, o 73,21% dos grandes incendios forestais e o 74,54% da superficie queimada por estes localizáronse nesta área.
As cifras están recollidas no informe sobre incendios forestais que publica anualmente a Comisión Europea e que acaba de reeditar e facer públicos, con datos de 2017 para todo o continente.
