InicioVal MiñorNigránA Fiscalía mantén que o contrato do lixo en Nigrán foi "amañado"

A Fiscalía mantén que o contrato do lixo en Nigrán foi “amañado”

Así o trasladou este martes a representante do Ministerio Público, na última sesión do xuízo que se celebra contra estes 8 acusados dos delitos de prevaricación administrativa e suborno.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía mantén que o contrato de recollida do lixo de Nigrán, cuxa adxudicación se aprobou en pleno en 2004, foi “amañado” a cambio de dádivas da empresa Cespa e que tanto o entón alcalde, Alfredo R.M., como dous concelleiros, Avelino F.A. e Antonio F.C., así como outros 5 acusados, participaron neses feitos delituosos.

Así o trasladou este martes a representante do Ministerio Público, na última sesión do xuízo que se celebra contra estes 8 acusados dos delitos de prevaricación administrativa e suborno.

A Fiscal defendeu que a adxudicación dese contrato estaba “amañada” e que “as autoridades sabían de forma anticipada” que Cespa sería a gañadora do proceso de licitación, a cambio de “vantaxes económicas” para o alcalde, dous concelleiros e varios particulares.

Segundo o seu informe finalm “o delito empezou a organizarse” cando o alcalde presentou un prego, cuxo orixe non se aclarou, e do que non consta contrato, expediente nin factura no Concello. Tamén aludiu a outras irregularidades, como a ausencia de estudo económico na oferta de Cespa, e que a licitación se resolveu a un prezo “un 52 % maior que o que había na época en que se fixo o anterior contrato, con FCC”.

Por outra banda, sinalou que tanto Avelino F.A. como Antonio F.C. “mobilizaron” aos membros do seu partido, o PINN, para que apoiasen a adxudicación a Cespa, e que o alcalde contratou a unha consultora externa “da súa confianza” para que fixese a valoración das ofertas beneficiando a esa empresa.

Tamén mantivo que a adxudicataria alugou uns locais a varios dos acusados, a pesar de que non eran os previstos na súa oferta, e que o fixo pagando “sobreprezos”. Finalmente, reiterou que os políticos cobraron diñeiro de Cespa cambio desa adxudicación, tras detectarse certas cantidades nas súas contas cuxo orixe non foi acreditado.

“NIN UNHA SOA PROBA”

Mentres, todos os avogados da defensa pediron a libre absolución dos seus patrocinados, e proclamaron que non hai “non unha soa proba” de que cometeron os delitos que se lles atribúen e, como moito, puideron participar en “irregularidades, que non ilegalidades, administrativas”.

O avogado de Alfredo R.M. incidiu en que a investigación se abriu en base a denuncia anónima “falsa” e que nada acredita a comisión de delitos. Así, subliñou que o prego para esta licitación foi informado favorablemente o secretario e o interventor municipal, e que o expediente non se gardou no despacho do rexedor, senón nunha dependencia “allea”.

Así mesmo, xustificou a transferencia de máis de 100.000 euros a unha conta do exalcalde, porque proviña “das súas actividades profesionais”, e proclamou que “non hai o máis mínimo indicio” de que fose un pago de Cespa.

Na mesma liña pronunciáronse os representantes do resto de acusados, como o de Avelino F.A., que lembrou que este exalcalde e exconcejal do PINN nin sequera participou nos plenos nin na tramitación do contrato, e que “non tiña capacidade de influír” na posición do seu partido xa que, de feito, “o PP e o PINN eran o mesmo desde o principio”. “El xa estaba apartado da política, no PP queríano fóra”, engadiu.

O letrado de Antonio F.C. mesmo chegou ha apuntar que as acusacións da Fiscalía apóianse na “especulación”, e en “conxecturas baseadas en equívocos”, e proclamou que “o procedemento de contratación administrativa foi irreprochable”.

Tamén o avogado do entón delegado territorial de Cespa, Jorge G.D., aludiu á falta de argumentos, e sinalou que non hai “nin unha proba que vincule (ao seu defendido) con actos previos ou posteriores” encamiñados a amañar ningún contrato, nin probas de que se concertou co alcaldo ou entregase diñeiro a ninguén.

ACUSACIÓN PÚBLICA

Segundo o escrito de acusación pública, o entón rexedor de Nigrán, Alfredo R.M., concertouse co líder do partido independente PINN, Avelino F.A.(e exalcalde do municipio), e cun concelleiro desta formación, Antonio F.C., para ‘amañar’ a adxudicación do contrato do lixo.

Para iso, o alcalde sacou a concurso o servizo e el mesmo encargouse de tramitar o prego de condicións. Así mesmo, contratou a unha consultora externa para que elaborase un informe que favorecese a adxudicación a Cespa.

O rexedor contou co apoio dos dous concelleiros, así como de dous funcionarios, un enxeñeiro municipal e un consultor para levar a cabo o seu propósito e, finalmente, o contrato adxudicouse a esta empresa.

A Fiscalía sostén que, a cambio, a concesionaria abonou ao alcalde 102.173,35 euros; outros 88.206,71 euros ao líder do PINN; e 7.409 euros a Antonio F.C. Ademais, Cespa alugou varios locais dos que eran copropietarios a muller de Antonio F.C. e dous funcionarios, e outra local propiedade de Avelino F.A., por unhas rendas anuais “desproporcionadas”.

Por estes feitos, o Ministerio Público considera aos principais procesados autores dos delitos de prevaricación e suborno, mentres que o resto son acusados como cooperadores necesarios ou cómplices. Ademais, sinala que concorre a circunstancia atenuante de dilacións indebidas.

Así, pide para Alfredo R.M. un ano de prisión, 10 anos de inhabilitación e multa de 50.000 euros; a mesma pena solicita para o que era delegado de Cespa, Jorge G.D.; para Avelino F.A. solicita un ano de prisión e 5 anos de inhabilitación, e multa de 3.000 euros; e para Antonio F.C., un ano de prisión, 10 anos de inhabilitación e 4.000 euros de multa.

Para o enxeñeiro da consultora contratada polo Concello pide 5 anos de inhabilitación, e para a muller de Antonio F.C. pide un ano de cárcere, 5 de inhabilitación e multa de 3.000 euros, así como penas de multa para os dous exfuncionarios.

ÚLTIMAS

OPINIÓN.- O gran showman de Vigo

Aos seus 77 anos en Vigo existe un showman ao cal, despois de varias...

OPINIÓN.- Non hai tempo para reformas mornas

Óscar Lomba Álvarez O mundo está a arder, e non é só a calor do...

Desaloxan a Cidade da Xustiza de Vigo tras saltar a alarma por unha persoa fumando nos baños

A Cidade da Xustiza de Vigo foi desaloxada tras saltar a alarma de incendios por unha...

Vigo “mostrou a súa forza” no concerto reivindicativo do AVE directo a Madrid, di Caballero

O alcalde de Vigo, Abel Caballlero, asegurou este mércores que a cidade "mostrou a...