InicioCulturaO último pleno de Vigo destina 1,8 millóns adicionais a concertos e...

O último pleno de Vigo destina 1,8 millóns adicionais a concertos e ao Marisquiño para “impulsar a economía”

A oposición abstense e reclama recursos para que haxa "máis cultura" e non só "máis espectáculo".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Pleno do Concello de Vigo aprobou este martes nunha sesión extraordinaria unha modificación orzamentaria para destinar 1,8 millóns de euros adicionais do remanente de tesouraría ao programa de concertos de verán e ao festival O Marisquiño. A modificación orzamentaria saíu adiante co voto favorable do grupo de goberno, do PSOE, e a abstención dos partidos da oposición (PP, Marea de Vigo e BNG).

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu esta medida porque “non é exclusivamente para festas“, senón que serve para apoiar o tecido produtivo e a economía da cidade. Respecto diso, destacou que eventos singulares como os concertos de Castrelos ou o festival O Marisquiño serven para “dinamizar” o sector servizos: hoteis, hostalaría e restauración ou comercio local.

Todo iso fronte a unha Xunta de Galicia que, no caso de O Marisquiño, “este ano non está a mover nin un dedo” para apoialo, e que tampouco destina recursos a promocionar Vigo, como si fai con Santiago. Ademais, engadiu, o Concello olívico pode permitirse o uso de remanentes pola súa “solvencia financeira”. Jaime Aneiros insistiu en que os eventos apoiados polo Concello teñen un “efecto tractor” na cidade e serven para potenciar a “marca Vigo”.

OPOSICIÓN

Mentres, o grupo municipal Marea de Vigo apuntou que non se opón ao uso de remanentes, pero lembrou que eses fondos poden empregarse agora porque non se executaron no seu momento, e engadiu que hai “moitas outras cousas importantes” aos que destinalos.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, expuxo un voto particular, propondo que se destinen 5,4 millóns de euros adicionais de remanentes para outras actuacións culturais (programas de artes, reforzo da rede de bibliotecas con 5 novas instalacións, recuperación do Arquivo Pacheco, recuperación do programa Súbeche ao Castro,…). A súa proposta foi rexeitada polo PSOE.

Finalmente, Alfonso Marnotes, portavoz do PP, aproveitou a súa intervención para volver despedirse da Corporación, e para reinvidicar os 4 anos de traballo do seu grupo, que se irá “coa cabeza ben alta”.

MODIFICACIÓN ORZAMENTARIA

Segundo se recolle no expediente desta modificación de crédito, o Plan de Contratación de 2023 prevé unha partida de 700.000 euros “para actuacións artísticas singulares” pero o departamento de Festas constatou que o gasto dos concertos de Castrelos e da Semana de Jazz e Música Clásica que se celebra na Praza de Compostela ascende a case 2 millóns de euros.

Por iso, solicítase incrementar o financiamento desta partida en 1,3 millóns de euros. Entre os argumentos esgrimidos para explicar este desfasamento orzamentario está o incremento dos custos de contratación, derivados do escenario de inflacción, o aumento de prezo das materias primas e outros factores.

Con respecto ao festival O Marisquiño, a achega do Concello ao evento faise a través dun convenio coa Deputación, de maneira que a axuda municipal é de 420.000 euros, máis outros 180.000 euros que achega o organismo provincial.

ÚLTIMAS

Cinco feridos nun accidente en Mos

Cinco persoas resultaron feridas na mañá deste sábado ao chocar frontalmente dous vehículos no...

Vigo rexeita o recurso de Ryanair e mantén a sanción por reducir voos

O Concello de Vigo confirmou o rexeitamento do recurso de reposición presentado pola aeroliña Ryanair contra a sanción imposta pola...

Caballero impulsa accións legais pola exclusión de Vigo como sede do Mundial 2030

O Concello de Vigo iniciou os trámites para estudar unha posible reclamación xurídica fronte...

195 millóns: o custe do novo contrato entre SERGAS e Povisa

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Hospital Ribera Povisa de Vigo finalmente...