InicioMedio Ambiente e PatrimonioTomiño defende unha nova ruta Xacobea que pasa polo concello e comeza...

Tomiño defende unha nova ruta Xacobea que pasa polo concello e comeza en Barcelos

Asegura que hai evidencias desa ruta desde o século XIII.

PUBLICADO O

Tras un ano de investigación, o Concello de Tomiño presentou este mércores un estudo que documenta a existencia dunha variante do Camiño de Santiago que pasa por este municipio, o Camiño da Nosa Señora do Norte.

Na presentación participaron o arquitecto e investigador Antonio Soliño; os rexedores municipais de Tomiño, Gondomar, O Rosal e Vila Nova de Cerveira, Sandra González, Francisco Ferreira, Ánxela Fernández, e Rui Ferreira; e a concelleira de Turismo de Redondela, María Castro.

A alcaldesa de Tomiño sinalou que o traballo realizado permitiu documentar o paso de peregrinos e peregrinas por Tomiño ao longo dos séculos. Por iso, desde o Concello iniciáronse os pasos para lograr que se recoñeza e oficialice esta variante do camiño xacobeo. Segundo defendeu, esta nova variante fortalece a identidade transfronteiriza e permite “tender novas pontes de amizade entre Galicia e Portugal”, xa que o trazado comeza en Barcelos (Portugal), segue por Viana do Castelo e Cerveira, cruzando daquela o río ata Tomiño, para continuar por Gondomar, Vigo e Redondela ata Vilavella, onde se une co camiño central a Santiago.

O presidente da Cámara Municipal de Vilanova de Cerveira, Rui Teixeira, destacou que a variante “reafirma o proxecto de Eurociudade e a relación histórica de traballo e amizade” entre ambos os lados da fronteira.

A investigación levada a cabo reflicte o paso de peregrinos por Tomiño cara a Santiago polo menos desde 1295, ano do que data a referencia máis antiga coñecida. O xerme da variante atópase, tal e como explicou Antonio Soliño, na desaparecida vila da Barca que estaba situada no que hoxe é a parroquia tomiñesa de Goián.

Tamén subliñou que a variante xacobea tomiñesa caracterízase por un “o alto valor do patrimonio construído, pola arquitectura de orixe medieval e barroca” pero tamén pola súa arquitectura militar e polo elevado número de elementos etnográficos (canizos, ‘cruceiros’ ou ‘petos de ánimas’).

SORPRESA NO PP

Pola súa parte, O PP de Tomiño mostrou a súa sorpresa tras o anuncio do goberno municipal e lembrou que esa iniciativa “xa foi presentada en 2004 polo PP”, que gobernaba o Concello nese momento. Segundo apuntou a candidata do PP á Alcaldía, Lara Meneses, fai uns 20 anos que se presentou “toda a documentación” ante a administración autonómica. Así, nese momento, aseguraron, o Concello comezou a colaborar con diversas asociacións do Camiño Portugués do Norte e da localidade portuguesa de Vila Nova de Cerveira para elaborar un informe.

ÚLTIMAS

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...

Traballadores de ambulancias de Vigo, Cangas e Moaña: “Á Xunta só lle interesa prestar un servizo o máis barato posible”

Traballadores da empresa Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte sanitario e urxente en...

O Concello de Vigo fala de decisión técnica sobre a paralización da talla da Falperra e non de presión veciñal

O Concello de Vigo remitiu este xoves un comunicado aos medios no que asegura...

Un home resulta ferido grave ao botarse desde un cuarto piso en Vigo

Efectivos do 061 trasladaron a un home que resultou ferido grave tras precipitarse desde...