O barrio vigués de Bouzas acollerá os días 13 e 14 de maio a festa da Brincadeira, que este ano espera superar os 120 postos conseguidos na edición de 2022.
Tal como informaron este luns os seus organizadores en rolda de prensa, tratarase da décimo oitava edición desta festa, que recrea a resistencia contra a invasión do exército de Napoleón.
Nesta ocasión, como novidade a Brincadeira contará cun concurso de vestimentas, co obxectivo de animar a todos os que asistan a facelo con traxe de época. Na presentación, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reivindicou o apoio do Concello a esta festa e asegurou que as obras do paseo de Bouzas estarán terminadas para esas datas.