A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou este mércores coa Asociación de Empresarios de Redondela o protocolo de adhesión ao sistema de difusión de ofertas de emprego do Servizo de Emprego de Galicia.
Deste xeito, ambas as partes coordinarán os seus esforzos para dar resposta ás vacantes no mercado laboral, ‘casando’ a oferta de postos coa demanda de persoas sen emprego.
O protocolo permitirá, por unha banda, que a Asociación de Empresarios traslade as súas ofertas de traballo e as dos seus membros ao Servizo de Emprego e, por outro, que se potencie o papel de intermediación laboral das oficinas de emprego.
Segundo lembrou Lorenzana, a Xunta está inmersa nun proceso de modernización das súas oficinas de emprego e tamén na dixitalización das mesmas, para o que este ano destina máis de 3 millóns de euros. En 2023 tamén se impartirán nesas dependencias cursos de formación, e consolidarase o servizo propio de orientación laboral e prospección empresarial, composto por 136 novos profesionais.
VISITA Ao ISSGA
Por outra banda, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade aproveitou a súa estancia en Redondela para visitar as dependencias do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) na provincia, onde traballan 22 persoas e que conta cun laboratorio de referencia de hixiene clínica, onde se estudan mostras ambientais e biolóxicas procedentes da exposición a axentes químicos.
En 2022, este laboratorio tomou un total de 233 mostras e fixo máis de 360 análise. Así mesmo, esta delegación do ISSGA dispón dunha Escola Galega de Prevención, que fomenta os hábitos seguros entre os mozos de forma amena e didáctica; e dunha aula de prevención do risco eléctrico, a disposición da comunidade educativa dos ciclos relacionados con esta actividade.