InicioMedio Ambiente e PatrimonioDenuncian que a Xunta patrocine rallies en Vigo no canto de concienciar...

Denuncian que a Xunta patrocine rallies en Vigo no canto de concienciar sobre a emerxencia climática

A asociación Verdegaia asegura que a celebración destes espectáculos competitivos reflicte "un problema transversal a toda a sociedade" e apela a partidos políticos e persoas en xeral a tomar conciencia sobre as súas implicacións ambientais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A asociación ecoloxista Verdegaia vén de emitir un comunicado de denuncia pola promoción dunha competición automobilística por parte da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e concellos da comarca de Vigo. Segundo indican, esta actividade é “un claro exemplo da queima innecesaria de combustibles fósiles e de promoción de condutas incívicas nas vías públicas”.

Dende a asociación consideran que nun contexto de emerxencia climática, crecente sinestralidade nas estradas e “milleiros de mortes prematuras en Europa pola contaminación derivada dos vehículos a motor”, esta “festa da queimada de goma e do escape que petardea” celebrada cada 15 días no país e “patrocinada por institucións públicas” non debería ter lugar.

“As administracións, que deberían adicar esforzos para concienciar a poboación sobre a necesidade de minimizar o uso dos vehículos motorizados e promover un modelo de mobilidade máis saudable e beneficioso para o medio social e ambiental, prefiren adicar recursos a patrocinar rallies“, denuncian no comunicado. Verdegaia lembra que só no mes de xuño morreron máis de 20 persoas nas estradas galegas e critica que coches e motos “gozan dunha absoluta impunidade para circular de forma temeraria”.

Concretamente no Concello de Vigo, esta fin de semana celebrarase no Castro unha destas probas urbanas, que a asociación ecoloxista denuncia pola “contaminación atmosférica e acústica” que xera “nun dos poucos espazos verdes da cidade”. Detrás delas atópase a Xunta de Galicia a través de catro institucións diferentes: Deporte Galego, Galicia Saudable, Xacobeo 21-22 e a propia Xunta de Galicia.

“Usar a iniciativa Galicia Saudable para patrocinar unha competición automobilística é unha incoherencia propia dunha Xunta de Galicia que redacta plans contra a mudanza climática ao mesmo tempo que defende a continuidade da Central térmica das Pontes ou de ENCE“, sentenzan dende Verdegaia.

Para a asociación, a celebración destes rallies reflicte “un problema transversal a toda a sociedade”. “Cómpre que partidos políticos, medios de comunicación e as persoas en xeral tomemos conciencia que este tipo de espectáculos competitivos, que pouco ou nada teñen de deporte, promoven un modelo de mobilidade perigoso, contaminante, daniño para a saúde e causante de emerxencia climática”, apelan.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...