Entrevista con Javier Arnau, director de Navalia: “Estamos no podio europeo das feiras do naval”

Navalia
O director de Navalia, Javier Arnau, no Ifevi /Miguel Nuñez

“Sen dúbida, este ano foi o mellor de todos“, resume así Javier Arnau, director de Navalia, o éxito da feira internacional do naval celebrada en Vigo, na súa sétima edición. Todo, tras superar a forte crise do sector entre 2012 e 2014, que afectou a toda a comunidade europea.

Un éxito, o de Navalia, tanto en número de visitantes como en expositores e proxectos: creceron un 30% dende a anterior edición, e case a maioría doutros países, acadando así o seu obxectivo de internacionalización, posto que achegáronse a Vigo referentes de Turquía, Perú, Francia, Alemaña…

Navalia
Barcos en maquetas / Miguel Núñez

A boa marcha de Navalia e o rexurdir do naval gardan unha estreita relación, segundo defende Arnau: “Son vasos comunicantes, un revirte no outro. Un dos primeiros sectores en recuperarse da crise foi o transporte en barco, dende cruceiros de luxo ata pasaxe normal, e tamén o comercio exterior en barco. A melloría económica da UE sentiuse rápido. Do mesmo xeito, no boom de comezos de século, nos 2000 foi un dos primeiros sectores en crecer con velocidade”, resume.

Asteleiros
O xefe de Barreras e o xefe do asteleiro Cardama /Miguel Nuñez

Pero, a pregunta é, dada a forte aposta de Navalia pola innovación, cales son as propostas para o futuro: “A nivel enerxético, estase a falar moito do gas natural como substitutivo da gasolina para os barcos. Tamén, por suposto da renovación da flota pesqueira dos diferentes países; de Galicia, de Perú, de Marrocos. Pénsase xa en barcos máis eficientes, de menor consumo e que non produzan un ruído esaxerado, silenciosos. Pero, sobre todo, está o tema da construción de cruceiros”, asegura.

Feria ifevi
Hélices / Miguel Núñez

“O segmento de cruceiros de luxo está crecendo moito, nos estaleiros de Vigo fabrícase nestes intres o primeiro cruceiro de luxo do mundo (non existiu antes un exemplo semellante), e hai previsión de máis a curto prazo”, asegura.

Son cruceiros cunhas condicións moi especiais, totalmente distintos: “Teñen previstas viaxes ao Polo Norte e zonas de difícil accesibilidade, son coma un hotel de sete estrelas flotante, para elites moi exclusivas. Deste tipo de luxo, nunca se construíra nada, e pode chegar a ser un gran boom, son coma iates, pero moito máis grandes, e contas con privacidade e a singularidade de poder alcanzar lugares agochados”.

 
E nestas pezas a tecnoloxía, claro, é un aspecto moi importante: “Custa 250 millóns de euros construílos. Aínda non se terminou o primeiro e xa se está a comercializar, os camarotes poden chegar a superar os 6.000 euros por noite”, conclúe. A botadura deste  barco está prevista para 2.019.

Os barcos do futuro, engade Arnau, serán máis ecolóxicos, reducindo o gasto de auga dentro del, con reciclaxe de compoñentes… Tamén espera a construción de numerosos barcos militares, especialmente para Australia.

Navalia
Motores para barcos Navalia/Miguel Nuñez

Nestas xornadas Rusia, a través da súa delegada de goberno en España, Galina Kurochkina, anunciou que o seu país tamén está interesado nas nosas empresas para renovar a súa flota e ampliar as súas plataformas petrolíferas.

Arnau estima que a ocupación hostaleira ascendeu ao 95% nos días da feira e que os visitantes profesionais deixaron un gasto en Vigo de en torno os 11 millóns de euros, e espera ter superado o volume de negocio xerado pola edición de 2016, 4.000 millóns de euros.

Navalia
Dron con cámara en Navalia/Miguel Nuñez

Todo un éxito, con moita presencia de armadores, e unhas empresas que “queren acudir xa á feira de 2020, e reservar os seus espazos, algúns incluso amplialos, a previsión é incluso mellor, e a maioría dos estaleiros teñen carga de traballo para os próximos 4 anos”.

Arnau vai acudir a unha feira en Grecia para a semana, e xa comeza a preparar a seguinte cita de Navalia. Este ano é tamén o da feira de Hamburgo, a máis grande do mundo, “non temos nin espazo físico para competir contra eles, que ocupan o equivalente a 17 pabillóns”, recoñece.

Ifevi Navalia .
Cámaras remotas submarinas /Miguel Nuñez

Os anos impares celébranse as feiras de Rotterdam e Noruega, e Arnau estima que estamos xa ao nivel desta, “no podio Europeo das feiras navais”, e cando ademais non se celebran feiras semellantes na maior parte do mundo.

Navalia, unha iniciativa que naceu para compensar o “márketing complicado” que sempre tivo o sector: “A xente da rúa ten a sensación de que o naval non termina de arrincar, teñen que pasar por Beiramar e ver cinco barcos enormes construíndose para non pensar deste xeito. Queríamos iso, facilitar a promoción cara fóra e cara dentro do sector. Barreras e Vulcano pasaron por dificultades no seu momento,pero non se deixou de celebrar a feira e conseguir contratacións”.

Navalia
Motor de barco en Navalia/ Miguel Nuñez

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here