Quen puido xuntar no mesma obra aos inmigos íntimos Carlos Mouriño, presidente do Celta, e Abel Caballero, alcalde de Vigo, sorrindo e tan contentos de estar xuntos? Pois foi o experimentado pintor Xabier Lemos Godoy.
Esta obra forma parte dun tríptico. Son tres cadros do mesmo tamaño co motivo do Cristo da Vitoria: “Un representa ás Illas Cíes e a ría de Vigo, outro a Cristo cos protagonistas da tan mítica Reconquista de Vigo aos franceses, xunto co representante do concello, Abel Caballero, do noso club de fútbol, Carlos Mouriño, e ata eu mesmo, pintado á maneira de Velázquez, e o derradeiro xa presenta un ton universal”, revela o mestre.
Non previra o autor, cando creou esta obra hai uns anos, a actual desputa entre alcalde e presidente da institución futbolística, algo que xa non lle escapa a ninguén: toda a polémica da cidade deportiva en Mos, o PP empregando a sede do club de fútbol na rúa Príncipe…
Tampouco preveu, lamenta Godoy, o actual momento futbolístico do equipo, ás portas de Segunda División e a piques de caer barranco abaixo, con Fran Escribá como derredadeira oportunidade de salvación. Toca rezar ao Cristo da Vitoria.
A Lemos Godoy, asegura, sempre lle gustou pintar “temas diferentes, que ninguén máis fai, aínda que sexan difíciles de vender”. Así que pintou un gran cadro en 8 pezas da batalla de Rande, do que está moi orgulloso ao ser o único no que aparece completa a ría de Vigo. Levoulle un ano de traballo ilustrar estes 8 lienzos de 2 por 1.30 metros, que poden unirse como un só.
“Estou centrado en pintar a miña terra, temas relacionados sempre con Vigo”, destaca: “A nosa vida, a do pintor, é moi difícil, vivir disto”. Agora aventurouse nunha longa historia de fadas, “unha nova civilización, un novo mundo, cando desaparezan as persoas. Fadas que nacen do polvo do universo”.
“A vida resurxe de novo, e habita as ruínas das nosas cidades, as nosas igrexas. As fadas comezan novas vidas, a casarse, os seus fillos nacen xa sen ás, castigados polo pecado carnal. É o ano 12.000 despois de Cristo”, continúa Lemos o seu relato.
“Buscaron nas covas e atoparon gafas, roupas… Igual que nós desenterramos xoias e obxectos do Antigo Exipto”, conclúe.
Lemos leva 6 décadas pintando. E xa pintaban o seu pai, que coa arte mantiña a toda a familia, e tamén a súa nai, así que vén de longo.