InicioMedio Ambiente e PatrimonioO estudo das microalgas fósiles demostra que a ría de Vigo entrou...

O estudo das microalgas fósiles demostra que a ría de Vigo entrou en desequilibrio por culpa da acción humana

A diminución dos exemplares de especies tradicionais na ría e o paso adiante doutras (algunhas delas tóxicas), sumados á aparición de especies foráneas, entre os efectos da contaminación e o cambio climático nos últimos 200 anos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Para comprender como responden os seres vivos ante cambios ambientais é preciso coñecer ben cal é a resposta natural dos ecosistemas ante eses cambios cando non existía impacto debido a actividades humanas. Polo tanto, o único método útil é estudar que sucedeu no pasado, antes de que se produciran impactos humanos significativos.

Para isto, a principal ferramenta é a reconstrución paleoambiental, é dicir, a reconstrución do que aconteceu hai miles ou millónes de anos a través do estudo de indicadores paleontolóxicos (“fósiles”) que perduran ao longo do tempo e permiten obter información sobre o ambiente no que viviron e os cambios ocorridos nos seres vivos, e relacionalas con oscilacións no ambiente, como as temperaturas, o nivel do mar ou as precipitacións.

Este é o campo de traballo do Laboratorio de Paleobotánica da Universidade de Vigo, no que se analizan microscopicamente palinomorfos, é dicir, estruturas resistentes producidas por diversos organismos vexetais (vexetación, fungos, microalgas e dinoflaxelados) que se acumulan no fondo da ría e poden perdurar moito tempo (incluso miles de anos) nos sedimentos.

Os diferentes estudos realizados neste campo permitiron identificar, por exemplo, cambios na produtividade do fitoplancto nos últimos 200 anos provocados, entre outros factores, polo cambio climático, a contaminación, a construción de encoros ou a produción masiva do mexillón.

Barcos na ría / Miguel Núñez

A distribución dos palinomorfos varía en función de diversos parámetros ambientais, como a temperatura ou as choivas, e tamén a dispoñibilidade de nutrientes na columna de auga, no caso das algas mariñas.

Así, o seu estudo permite reconstruír a paisaxe vexetal, a produtividade mariña e as condicións ambientais predominantes no momento en que estes microfósiles foron depositados, así coma a súa variabilidade ao longo do tempo.

En concreto, o persoal investigador do grupo de investigación XM-3 da Universidade de Vigo está a desenvolver un traballo centrado no estudo de quistes de dinoflaxelados (dinocistes) acumulados nos sedimentos para reconstruír as condicións no medio mariño (paleohidroloxía).

Fondo mariño/ Photopin

Froito da colaboración co Laboratorio de Palinoloxía Mariña da Universidade de Victoria (Canadá) xurdiu un traballo que permitiu a reconstrución de alta resolución dos cambios ocorridos nos ecosistemas da ría de Vigo nos últimos dous séculos a partir do estudo de dinocistes mariños e doutras “microalgas” de orixe continental.

Os dinoflaxelados son uns dos compoñentes principais do microfitoplancto e a súa composición e variabilidade depende do réxime de temperaturas, das achegas fluviais e da dispoñibilidade de nutrientes, entre outros factores.

O estudo dos dinocistes nun rexistro sedimentario da ría de Vigo que foi acumulado durante as últimas décadas axudou a reconstruír os principais cambios que ocorreron na hidroloxía da ría e a identificar os factores que os causaron.

Por exemplo, identificouse unha fase de transición (1855-1910 DC) dende as etapas finais da pequena idade de xeo (1400-1900), cara ás condicións máis cálidas e húmidas que gobernarían a maioría do século XX.

Tamén se detectaron fortes cambios na produtividade do fitoplancto e na distribución de especies que se atribúen principalmente ao cambio climático recente, a diferentes tipos de contaminación, ao cambio do réxime fluvial e á destrución de hábitats.

Batea/ Compfight

Constatouse, por exemplo, que a contaminación, a construción de encoros ou a produción masiva do mexillón está a ter efectos na produtividade do fitoplancto.

Un dos efectos máis relevantes é o incremento de certas especies heterótrofas, que antes eran moi pouco abundantes, debido ao incremento das achegas de nutrientes e materia orgánica como resultado da descarga de augas fecais, entre outras causas.

“Tamén observamos a diminución xeral dos dinoflaxelados autótrofos (baixada da produtividade primaria de dinoflaxelados) debido probablemente ao aumento da turbidez (menor penetración luminosa) e/ou á baixada da dispoñibilidade de osíxeno na auga”, indica Iria García Moreiras, do grupo XM-3.

Os investigadores tamén obtiveron novos datos a sobre a distribución dalgunhas especies de dinoflaxelados, coma Peridinium ponticum, que ata agora se consideraba exclusivo do mar Negro.

“Grazas a este novo estudo, demostramos que esta especie está presente nas augas galegas de forma natural dende, polo menos, 1830”, indica Iria García Moreiras, que engade que, tamén relacionaron “o crecemento masivo dalgunhas especies potencialmente tóxicas (como Lingulodinium polyedrum) con certos factores ambientais; parece que o incremento das chuvias e, como consecuencia, das descargas fluviais, aportan nutrientes extra que favorecen a proliferación destes dinoflaxelados”.

O conxunto de traballos que realizou o equipo de investigación XM-3 da Universidade de Vigo demostra a elevada sensibilidade dos ecosistemas costeiros ante cambios e impactos ambientais, e resalta a necesidade de apostar por investigacións que axuden a comprender o seu funcionamento e promovan a súa conservación e recuperación.

Ademais, estes datos serán de utilidade á hora de interpretar secuencias sedimentarias máis antigas, depositadas fai decenas de miles de anos.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

Un accidente múltiple provoca colas quilométricas na AP-9 á entrada de Vigo

Un accidente múltiple, no que ata catro vehículos víronse implicados, provocou na tarde deste...

Un proxecto da UVigo realiza traballos na ‘raia’ para diminuír o risco de grandes incendios

O proxecto Firepoctep+, liderado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo (UVigo),...

Convocada unha manifestación por Resposta Feminista polo 25N en Vigo para que “a vergoña cambie de bando”

Resposta Feminista, unha plataforma nada en Vigo coa vocación de convocar mobilizacións unitarias do...